Antón Masa
Mentiras nun tempo de crise!
Debo recoñecer que tiña certa curiosidade por ver que nos deparaba a segunda parte da campaña propagandística que ENCE –de forma encuberta, por certo- ten iniciado hai cousa de 15 días. E agora, que empeza a saír á luz esta segunda parte, non podo máis que expresar a miña absoluta decepción; sinceramente, se a idea inicial era pobre, pouco atractiva e absolutamente manida e demagóxica (lembraba a aquela outra na que distintas persoas elixidas pola empresa nun casting, dicían "Si yo fuese ENCE diría..."), esta segunda entrega é máis do mesmo. Ás palabras vertidas inicialmente –suponse que de forma espontánea- polos actores e actrices elixidos/as desta volta, son agora acompañadas das vellas cantinelas coas que ENCE oferta un paraíso á veciñanza. Onte era o cacarexado olor cero e en vindeiros días serán os milleiros de postos de traballo, os datos de exportación polo porto de Marín, a mellora dos parámetros de vertido ata límites nunca antes imaxinados no mundo empresarial ou o famoso "plan de integración paisaxística". E nestas cousas –a forza de mentiras- xa ninguén cre. Canto máis impactante sería unha boa imaxe do Sr. Casal na entrada da fábrica hiperventilando en busca do cheiro perdido!
Porque todo o mundo sabe que ENCE ten destruído –e segue a destruír- o medio ambiente, os recursos naturais, a calidade de vida e a saúde das persoas; que, por esta razón, foi condenada e que seguen incumprindo boa parte da lexislación ambiental. Porque, de pouco vale falar de olor cero cando saes á rúa e tes que soportar os fedorentos cheiros, ben en Pontevedra ben en Marín! Porque ENCE está a destruír, día a día, a nosa economía e o traballo na comarca e de pouco serve que dea unha esmola á Universidade cando está a deixar sen traballo á xente do mar, do monte ou do sector turístico. Porque ENCE é un freo para a economía da comarca e de pouco serve disfrazar á fábrica de castelo de madeira a cambio de manter soterrado o mellor banco marisqueiro da Ría e as praias urbanas de Pontevedra. Resulta insultante como ENCE terxiversa a realidade como resulta insultante que no proxecto de "camuflaxe" da fábrica se diga que pretenden recuperar os bosques que antes existían na zona ocupada. Néganse a recoñecer que nos roubaron o mar e a riqueza de Lourizán? Sen comentarios!
Sinceramente, ENCE segue botando man da compra de vontades e da utilización de estómagos agradecidos para tratar de facer crer nun clima favorábel á súa permanencia en Lourizán; para silenciar as voces que –maioritariamente na comarca- esiximos a súa saída da Ría. E atrévense a dicir "ENCE: compromiso cos veciños!" Desde a APDR propómoslle mudar o slogan por "ENCE: COMPRO-MENTIRAS AOS VECIÑOS!", resposta á realidade e non engana a ninguén.