Ana López
Os amantes
Teño unha camiseta que pon 'Yo defiendo a los animales'. Foi un agasallo da miña irmá, que a mercou a través da internet a unha asociación animalista, termo, por certo, que aínda non recollen os diccionarios, pero que se utiliza para referirse a aqueles que velan polos dereitos doutras especies distintas ao ser humano.
Con toda a dor do meu corazón, recoñezo que estou moi lonxe de poder ser definida como esas persoas que adican a súa vida e parte doutra a esa dura loita, poñéndose en risco a miúdo. Que máis quixera eu, pero a etiqueta quedaríame moi grande.
As miñas primeiras lembranzas de sufrimento polos animais remóntanse á miña infancia, alá polos anos oitenta, cando ducias de nenos saían á rúa na zona vella ao escoitar de lonxe o son do órgano que facía subir a unha cabra a unha escaleira. Entre os aplausos da xente, eu padecía pensando en que o pobre becho se ía mancar ao caer daquela altura, que a min me parecía enorme. E respiraba tranquila cando o espectáculo remataba. A vergoña impedíame comentar nada, porque se supoñía que, como nena que era, eu debería estar entusiasmada e pedir un 'bis', como facían os demais. Á cabra seguíronlle os ponis das Festas da Peregrina, que papaban sol durante horas e soportaban unha semana enteira as patadas e os berros dos rapaces, e as touradas, que meu avó vía nas tardes da 2 e que a día de hoxe sigo sen entender como afección nin exaltación cultural.
Cos anos ese listado creceu ata límites insospeitados axudado polas campañas informativas nos medios de comunicación entón e na rede agora. As recollidas de firmas para boas causas neste sentido non acaban nunca e unha ás veces ten que pechar os ollos porque a angustia que provocan certas noticias é insoportable. En plena era da concienciación animalista lemos a diario sobre feitos truculentos nos que se ven involucradas outras especies, vítimas dun inconcibible comportamento humano. Gatiños usados como balóns, cans que se suicidan dende azoteas por non aguantar as altas temperaturas ás que foran sentenciados, desgraciados que tiran cachorriños a balsas de petróleo… e, para poñer a guinda, un programa televisivo de explotación animal –¡Vaya fauna!– que nos retrotrae a varias décadas atrás e exhibe sen pudor a unha osa tocando unha trompeta.
Ás veces penso que esa condición de amante dos animais está agochada nun recuncho do ADN e que non tarda en emerxer na nenez, cos primeiros indicios do sentido común. Outras, todo me leva a concluir que é algo que se vai inculcando pouco a pouco e que se mete no miolo para quedar aí para sempre. O que aínda non acerto a comprender é o outro: a crueldade, a necesidade de facer o mal, esa falta de entrañas. Afortunadamente, coñezo a máis persoas das primeiras, das boas, ou, cando menos, das indifentes.