Tribuna Viva
A miña filla
Podería dicirche moitas cousas, comezar esta carta dicíndoche que te amo sobre todas as cousas. Sobraría; son túa nai.
Podería falarche do que ti es, do que o teu sorriso significa para todos os que te queremos, pero vou escribirche para o futuro para que cando sexas quen, releas estas verbas e mas tires como xeo cando incumpra calquera delas.
Náceche nunca época convulsa que segue a ser a mesma de sempre, difícil para as mulleres, tocarache loitar como o fixeron todas e cada unha das mulleres que hai en ti: As mulleres túas que viviron a guerra, a soidade, a emigración, o exilio, a viuvez, aquelas que padeceron calumnias e desprezo, as que riron, soñaron, aventuraron e as que forxaron cada un dos xenes que ti herdas.
Elas, eu , vivimos outras épocas, outros tempos, choramos outras bagoas e fixemos esforzos, moitos, só para que ti sexas libre.
Libre de estereotipos, "Alta" "Loura" "Guapa" Delgada", libre de compromisos,"moza" "nai" "esposa", libre para elixir o teu camiño e trazar as túas propias coordenadas.
Para isto has de ter coñecementos, has de manter a nena que es agora sempre, preguntar ata a irreverencia, ler ata a extenuación, manter a curiosidade intacta , non deitarte nunca sen aprender algo novo.
E terás que loitar, manterte firme contra os que queiran domesticarte, converterte en espello, relegar o teu ser, verte sometida a idea do outro en procesos de inferencia social destrutiva.
Se libre, quérete a ti mesma, aprende a ter conversas contigo mesma, a apreciar as túas opinións, respétate, rebélate ante aqueles que queiran facer de ti o que non desexas.
Camiña sempre coa cabeza erguida, mantén o pulso aínda cando non sexas feliz, porque has sufrir, é inevitable .
Agradece sempre, empatíza cos que sofren, aférrate á verdade, ensinarémosche a facelo , as veces non che gustará, terás que acadar as cousas con méritos, tentaremos non darche todo feito para que aprendas a valorar os éxitos.
Non terás todo , terás que aprender a administrar a frustración e o fracaso, fundamentais para que medres firme, para que sexas das que lle dan outra oportunidade á vida.
Si, dirémosche quen es, de onde ves, cal é o teu lugar no mundo, coñecerás a cultura e a lingua, os saberes. E descubrirás outras linguas, outras xentes e outras culturas, amarás o valor da diferenza.
Tentaremos que como agora vexas con normalidade que María sexa indú, Aninha do Brasil Vinc da Ucraína e José, xitano, que nunca te preguntes porque Lía e Xiana son irmáns e unha é de cor e outra loira, non deixaremos que nunca mires diferente a Tío Xan e Carlos cando se bican, difícil, case imposible a laboura de teu pai e miña, pero tentarémolo, facémolo día a día.
Na vida has aprender outras leccións máis duras, que somos febles, que a enfermidade aparece cando menos o imaxinas ,que non somos eternos, que hai moitas cousas importantes que non debemos xogarnos na ruleta rusa da sorte, por iso has coidar sempre , sempre, de ti mesma .
Ti es importante.
Unha derradeira mensaxe, non deixes nunca de soñar: Créate metas, camiña, nunca deixes de imaxinar a realidade de outra forma, afianza os teu pasos, disfruta o teu camiñar, valora o que tes, ama os que te roden, se libre, vive feliz.
María Louro