Antón Roel Villanueva
O álbum de cromos
Foi no mercado que se fai na praza da Verdura de antigüidades os domingos pola mañá onde atopamos un incunable, unha xoia da nosa época un álbum de cromos de futbolistas da tempada 66/67 co noso Pontevedra na primeira división, eu tiña pensado ver o partido do ascenso pola Galega pero ao ver o álbum quixen revivir vellos tempos e sensacións e fun ao novo Pasarón. Nós, que eramos familia numerosa; meu pai como moitos outros tiña que facer pluriemprego para sacar a familia adiante, un destes traballos era de porteiro no campo de Pontevedra os días de fútbol, e a nós pasábanos gratis, lembro que sempre nos poñíamos na portería que atacaba o noso equipo para tratar de intimidar ao porteiro rival e nos descansos cambíabamos de portería e ao berro de "¡Agora, agora!" tentabamos axudar a meter os goles naquela portería. A min, o campo parecéume fermosísimo similar ós campos ingleses no que o público están enriba dos xogadores dándolle alento, no que os seareiros teñen afección que segue a ser a mesma, por un intre pecho os ollos e vexo a 'Manilo' cun megáfono animando ao equipo, tamén a "Neno" co mellor traxe cun caravel no oxal e a entrañabel "señora Lola", nun tempo que todos os nenos sabiamos de memoria a aliñación titular cando o marcador simultáneo e os radios na man cando os xogadores non eran figuras mediáticas nin estrelas, o máximo eran condutores de trolebús. No barrrio vivía un xogador: Estévez, porteiro titular do equipo que tomaba as chiquitas de viño co meu pai e demais parroquianos no "Enchufe", a taberna do barrio.
Nos tempos gloriosos do noso "Pontevedriña" contaba meu pai que cando tiveron o primeiro coche fixeron unha viaxe a Zaragoza para ver xogar ao equipo e no camiño parounos a garda civil de tráfico, meu pai todo asustado pensando que o ían multar pero lle dixeron que o pararan ao verlle a matrícula daquela eran as iniciais da cidade e querían felicitalo polos éxitos do Pontevedra; un equipo modesto que levantaba moitas simpatías por todos os recunchos do país.
De volta ao barrio, nun local decorado con fotos antigas doutra época nun acto da "Asociación de Veciños de Campolongo" de poesía e voz no 'Maio, mes da lingua' atopo a Xosé, o dono da libraría "Follas Verdes", gran siareiro do Pontevedra que dixera que tiñan pensado celebrar o ascenso tamén no local. Sería fermoso celebrar a festa da voz e da poesía de Rosalía mesturando coa alegría do ascenso, mágoa que non puido ser... "¡¡¡Era visto!!!".
Cando baixabamos a marea granate pola ponte do Burgo coa brisa que traía o Lérez de derrota diante miña IVA un pai con dous cativos da man coas camisetas granates case con bágoas nos ollos, eu acordeime dunas verbas de Muniain: xogador do Bilbao que cando perderon a copa do Barça dixo que el prefería chorar con esta afección que celebrar triunfos con outras, e pensei que ese é o espírito da afección do Pontevedra o de "Hai que roelo" é pensar que aínda queda outra oportunidade: "Aúpa Pontevedra".
Antón Roel Villanueva