Ernesto Vázquez-Rey Farto
Réplica á ex deputada de Cultura
Mire, señora deputada, xa sabemos que é habitual que vostede fale dende a súa arrogancia e tamén estamos acostumados a que vostede utilice a súa candidez para só falar do seu libro.
A Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra e a Fundación Malvar onte demos unha rolda de prensa falando de cousas moi concretas, e particularmente denunciamos o proceso de salinización que están sufrindo os miliarios romanos depositados no baixo do Edificio Sarmiento; e vostede danos contestación e dí que "non se pode dicir que estén en mal estado", e dí ademáis que a sala dos miliarios está sendo obxecto dunha intervención moi estudada por uns técnicos. Pois mire, moi mal, porque a sala cos miliarios leva aí dende antes das obras do Sarmiento e vostede non consultou con ninguén se había que facer algun tipo de intervención técnica alí ou non, polo tanto vostede é responsábel do que pasa. E ademáis, escóndese no Pazo provincial porque non se atreve a dar a cara cunha sociedade que lle reclama responsabilidades.
Pero vostede aínda está exercendo como Deputada de Cultura e non pode andar con esa actitude, a burlarse do colectivo de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra; porque cando fai isto estase a rir da sociedade pontevedresa; entende vostede? Pois iso. Igual en vez de promover tanto elitismo nas actividades e negocios do Museo debía vostede formarse un pouco máis para saber o que ten que responder cando se lle pregunta. E de paso, saber ubicarse.
Persoalmente, canséime de pedirlle poder ver in situ os miliarios que vostede ten obriga de deixarme ver. Na Fundación Malvar teño toda a serie de documentación e de petición de acceso sen recibir nin a primeira contestación, porque vostede non a facilita, aínda que a Lei de Patrimonio Histórico, e Lei de Peticións na que nos amparamos, obriga a esa Deputación Provincial a dar contestación pronta e expresa.
Se vostede non ten nada que ocultar, por qué non me permite o acceso á Sala dos Miliarios? Se vostede non ten nada que ocultar, por qué sae onte a contestar falando de cousas das que ninguén lle preguntou e que non foron obxecto da rolda de prensa de onte?
Vostede utiliza iso para enmascarar do que estamos a falar, e estamos a falar dunhas obras no denominado "Rueiro Cultural da Deputación" -construcción do Sexto Edificio e rehabilitación do Edificio Sarmiento- e de todo o que esa obra conlevou. Diso é do que queremos que nos fale, porque iso é o que nos preocupa aos cidadáns e cidadás que vostede representa no seu despacho de Palacio.
Aos pontevedreses e pontevedresas preocúpanos que se fagan unhas obras, que se iniciaron no 2005 coa primeira licenza de obra do Concello de Pontevedra, e que dez anos despois non saibamos por qué a situación urbanística segue a ser irregular. Que non só nos referimos ás licenzas de apertura da taberna que vostede se empeñou en montar, senón do conxunto edificado e "rehabilitado"; taberna que por certo dí moito da súa visión como responsábel política do Museo, xa que valora as maravillosas coleccións de arte en función da tapa temática do día.
Que vostede non sabe o que é o proceso de salinización dos miliarios? Pois prepárese as contestacións, señora deputada! Que dende que a chamei para dicirlle o que pasaba na Sala dos Miliarios tivo vostede tempo de sobra! Vostede foi á Sala dende aquela? Foi. Pois entón? Porque evita contestar? Ignora o que pasa ou é que non lle da a gana de falar diso?
Ou ignora vostede os feitos ou estase a burlar dos cidadáns e cidadás a quen vostede representa, neste momento. Vostede saberá onde queda o umbral da súa ética política; iso é unha cuestión súa; persoal. Pero terá que responder ao que queremos saber as persoas e colectivos que llo demandamos, porque aí hai moita tela que cortar, señora deputada.
Algunha responsabilidade terá, e sobre todo, terá que render contas, non? Porque vostede só fala do que lle interesa e non do que se lle pregunta; e aínda por riba, atrévese a dar contestacións cando o que tiña que estar era morta de vergoña? Supoñendo que a tivera.
Concluimos que polo ben da cultura e do Museo de Pontevedra vostede non debera continuar sendo Deputada de Cultura, porque xa non o é; únicamente debemos agardar a saber cando coinciden augurios e realidade.