Manuel Pérez Lourido
Festas navideñas
Estes días participamos e asistimos ao levantamento e desfrute deste entramado ao que chamamos festividades navideñas. No fondo non deixa de ser un teatriño de cartón pedra que nos axuda a despedir cada ano dunha forma festiva, esquecendo ás dores e os sinsabores e transmitindo esta teima de pais a fillos, nun xeito de linguaxe tribal que nos xunta a uns cos outros. Estou a dous pasos de facer disto un tratado sociolóxico de moito nabo, pero resistirei a tentación, no se me durman.
Ritos de paso: cando a miña filla máis vella preguntoume que facía papá noel pedindo esmola nos soportais da Ferrería comprendín que aquela farsa tocaba ao seu fin. Hoxe diríalle que o banco lle metera os aforros nas preferentes, pero daquela os bancos non caíran tan baixo. Hoxe antes de dicirlle a alguén que tes un parente na banca preferirías dicirlle que está no KuKluxKan. Pouco despois a nena veume dicir que o rei negro tiña as orellas blancas e eu cagueime nas pinturas dos chinos e na nai cas pariu: alá vai toda a ilusión ao carallo. Agora agardo polos netos, é lei de vida.
Na televisión emiten programas de variedades (por chamarlle algo) que teñen por obxecto botar á xente fóra da casa para darse á bebida. Doutro xeito non se explican semellantes trapalladas en prime time. Hai que sacar a pasear ao consumidor porque na casa non consume, senón que é consumido por espectáculos televisivos que roen o bulbo radíqueo ata deixalo do tamaño dun chícharo. Entre un programa e outro póñenche anuncios de licores, viños espumosos, etc, e a un fáltalle tempo para fuxir do salón e aparecer na barra do bar de enfronte. Alí non tes outra que poñerte a ver a televisión, pero xa é outra cousa.
Outra das costumes destas datas ten que ver coas bragas de cor vermella que poñen nos escaparates. Para min que poñen as mesmiñas todos os anos, que a ver quen se atreve a mercar eso. Como non as daban vendido, inventaron o de levar algo de cor vermella. Se aínda fosen granates, e con escudo a ser posible.
Eu penso rematar o ano igual que empecei este, brindando. Sempre queda mellor que dicir: bebendo. E do resto, gustaríame facer coma Rip Van Winkle e botarme a durmir para espertar no 2014. Disque a que ven vai se boa. Esperamos que non sexa para tanto: feliz 2013 para todos e todas.
2.01.2013