Xermán Torres
Filgueira e a música
Xosé Filgueira Valverde fíxose cunha cultura musical autodidacta impresionante, tal como manifestou seu amigo e valedor, Francisco Javier Sánchez Cantón, triacadémico (das Reais Academias da Lingua, da Historia, de San Fernando de Belas Artes). O fillo de Filgueira e presidente da súa Fundación, o Dr. Xosé Fernando Filgueira Iglesias, alude a que algunhas clases de solfexo tivo que recibir, porque aínda recorda un vello piano na casa, e aquel piano estaría alí para algo.
Casto Sampedro y Folgar, avogado e erudito redondelán afincado en Pontevedra, mestre gratuíto de Filgueira, tiña paixón pola música, sobre todo pola pescuda e recolleita de cantigas populares. Fixo unha recompilación xunto a Víctor Said Armesto, profesor e intelectual moi estimado en Pontevedra, dito traballo fora moi recoñecido e premiado pola Academia de San Fernando de Belas Artes. A D. Casto gustáballe probar e descubrir vellos órganos localizados en igrexas espalladas por toda Galicia. Ese interese pola música e máis pola nosa música pódelle vir a Filgueira, entre outras, da man de Sampedro, mestre influinte e admirado, ademais do ambiente musical da súa Pontevedra, cos memorables concertos e audicións musicais de Manuel Quiroga, os Sobrino, as Mendoza...
No estudo das cantigas medievais, Filgueira gustaba de apreciar a súa melodía, polo que sen dúbida , as tecleaba no vello armonium que tiña no seu despacho.
En 1942, Filgueira edita o Cancioneiro Musical de Galicia de Casto Sampedro y Folgar, despois de recoller, ordenar e sistematizar a morea de fichas que deixou D. Casto, ademais de dotar á obra dunha introducción memorable, de notas a pe de páxina, de confeccionar todo un aparato crítico e unha bibliografía. Todo contribuíu a converter a obra póstuma de Sampedro nun importante, imprescindible e decisivo cancioneiro. Ramón Piñeiro acolle como un fito para a cultura galega a edición e publicación deste cancioneiro en 1942, recoñecendo un importante labor investigador e de erudición de Filgueira Valverde. Da importancia deste feito e de como a música é fundamental na vida e na obra de Filgueira escribiu un fermoso e documentado estudo o profesor Carlos Villanueva, de obrigada lectura e que se publica no Catálogo (2007) co gallo da celebración do centenario de Filgueira Valverde (2006).
Filgueira tamén xogou un papel determinante na salvación e rescate do Cancioneiro de Bal y Gay, que se non fose pola súa actuación sería irremisiblemente e desgraciadamente pasto das chamas.
Participou na historia da Coral Polifónica de Pontevedra (1925) desde a súa fundación e da que foi presidente durante moitos anos e un dos seus máis firmes valedores. Precisamente, hai uns días na celebración do seu noventa aniversario, celebrouse un concerto en homenaxe de Filgueira na igrexa conventual de San Francisco.
No seu instituto foi sempre promotor da música coa creación do coro e dos Cantores dos Institutos, na celebración de audicións musicais, de concertos en colaboración con distintas institucións. Utilizando ricos repertorios de música medieval, renacentista, barroca; rescatando o mellor da polifonía e dando a coñecer tanto a música culta como a música popular.
Sendo alcalde de Pontevedra (1959-1968) promoveu e organizou os Festivais da Canción Galega, que como recoñece o profesor e académico, Xesús Ferro Ruibal, propiciaron a dotación dun corpus de 73 cancións galegas, creadas polos mellores compositores do momento, con letras dos máis significados poetas galegos de todos os tempos. Mágoa que unha vez que deixa a alcaldía suspéndese definitivamente tan vizosa e fructífera experiencia musical. Converteu a Escola de Música en Conservatorio e fortaleceu decisivamente ao padroado da Banda de Música de Pontevedra. Desexou manter a enxebreza da romaría de San Bieito de Lérez. Daba instruccións para que as festas da Peregrina fosen realmente populares e con ampla participación. Foi, pois, un grande impulsor da música.
Tamén apoiou os cursos de Música en Compostela e dentro dos seus ciclos de concertos, sempre se celebraban no Museo os que se denominaban Concertos á luz dos candelabros.
Segundo nos confesan membros da súa familia era un gran melómano e todos os días, con frecuencia facía as súas audicións musicais no seu tocadiscos. Agora gozará no alén da música dos vintecatro anciáns nunha alba de gloria eternal e xunto a San Ero escoitará a “passarinha” nun canto sen fin e paradisíaco.