Ramiro Espiño
Cisne, Teucro e Pontevedra, ben polas súas directivas!
Despois duns aniños de máis penas que alegrías, o deporte pontevedrés prepárase para un fin de semana que pode marcar o camiño dun futuro inmediato máis prometedor. Cisne, Teucro e Pontevedra (e cítoos por rigorosa orde cronolóxica na que disputarán os seus partidos) están ante a oportunidade de dar un paso de xigante nas súas aspiracións.
E os tres coincidiron en algo que considero fundamental para alcanzar eses obxectivos: reclamar o apoio dos afeccionados pontevedreses, pedir a súa presenza nas bancadas e emprender accións encamiñadas a achegar os clubs ao cidadán da pé.
Fíxoo o Cisne, declarando xornada de portas abertas o seu partido deste sábado (17:30 horas) no pavillón do Estadio. Volveuno facer o Teucro, que neste sentido está a ser de longo o máis activo no seu intento de atraer o pontevedrés á bancada, e que de novo regala dúas entradas a cada socio para intentar repetir, neste caso o sábado (20:00 horas) no Municipal, os máis de 2.500 afeccionados que congregou no seu partido anterior.
E faino tamén o Pontevedra, cuxos xogadores levan toda a semana percorrendo os colexios da zona, facendo chegar aos máis pequenos a inquietude polo club granate, sementando ilusión entre os afeccionados do mañá e buscando o apoio dos nenos coa repartición de convites para asistir ao partido deste domingo (17:00 horas) en Pasarón, sabendo que con eles arrastrarán tamén un bo número de pais.
Botábase en falta, a verdade. Especialmente no caso do Pontevedra, que malia a súa marcha en todo o alto da clasificación, non remataba de conectar co público, afeccionado ou non, para facer que nas bancadas de Pasarón se vise menos cemento e plástico baleiro. Pouco máis de 1.000 persoas en cada partido requirían algún tipo de medida.
Estamos a chegar ao momento clave da tempada e ninguén no seu san xuízo pode dubidar que o éxito ou o fracaso dependen en boa medida de volver ver as bancadas co aspecto dos bos tempos. Se isto significa que o Consello de Administración tomou consciencia diso, benvido sexa.
Por moito que este club sexa unha sociedade anónima, que ninguén esqueza que sen os afeccionados nada tería sentido. Eles son os que axudan aos xogadores a gañar partidos. Eles son os que fan que un equipo de fútbol sexa algo máis que unha empresa calquera. Eles son os que marcan a diferenza moitas veces entre o éxito e o fracaso. A eles pois hai que darlles o protagonismo que teñen e as grazas por seguir aí, malia a que lles caeu duns anos a esta parte.
Que os pavillóns e Pasarón se enchan. A afección pontevedresa ao deporte en xeral non vai fallar. As directivas esta vez fixérono ben, poñendo da súa parte iniciativas para que ninguén quede na casa. De xustiza é recoñecerllo.
Á fin e ao cabo deles, dos dirixentes, da afección e dos deportistas, depende case a partes iguais que a actual poida rematar sendo unha tempada do noso deporte para recordar ou unha nova decepción, das tantas que xa levamos a bordo nos últimos tempos.