Tribuna Viva
Contra o espolio de Galicia e o desmantelamento da obra social de Novacaixagalicia
Manifesto dos representantes do persoal da Obra Social de Novacaixagalicia contra o espolio de Galicia e o desmantelamento da obra social
Con respecto ás recentes decisións acordadas polo Ministerio de Economía, o FROB e a Comisión Europea, os representantes do persoal da Obra Social de Novacaixagalicia pertencentes a todas as seccións sindicais, CIG, UGT, CCOO, FSIE, ASCA e INDEPENDENTES queremos facer público o espolio que estas medidas supoñen contra Galicia.
Son un atentado contra un patrimonio colectivo que é froito do aforro dos galegos e das galegas e constitúen tamén un duro prexuízo para as persoas maiores, o sector da cultura, as ONG que operan en Galicia a prol dos máis desfavorecidos e dos colectivos con maior risco de exclusión social, e para o conxunto de persoas e organizacións que abrangue a Obra Social coa súa actividade.
Eliminar dun día para outro a participación que a Obra Social mantiña en Novagalicia Banco é un espolio para toda a cidadanía galega.
Os traballadores de Novacaixagalicia non imos consentir que leven a termo este atraco planificado desde hai tempo. E facémonos unha pregunta: a quen favorece todo isto?
Como representantes do persoal de Novacaixagalicia, viñemos establecendo ao longo destes convulsos meses contactos con todas as institucións implicadas neste proceso de saqueo.
Nin os dirixentes da Xunta de Galicia, do Goberno de España, do FROB e da Comisión Europea quixeron frear o espolio da Obra Social galega, abdicando da súa obriga de actuaren en defensa dos intereses de Galicia.
Ante esta situación, esiximos aos representantes políticos actuais vías de actuación que garantan a persistencia da Obra Social, tal e como expresou o ministro De Guindos na súa comparecencia do pasado día 18 de decembro.
De non ser así, desde Novacaixagalicia promoveremos todas as medidas de presión que leven a que se reconduza este espolio indecente en contra de Galicia, da súa sociedade, do seu benestar e do seu progreso.
Emilio Pintos Fraile, CIG
Roberto García Vázquez, UXT
Pablo Raposo Fernández, CCOO
Marcos Fuentes Castro, FSIE
Xosé Luís Liñares Barbeito, ASCA
Francisco Negreira del Rio, Independiente