Tribuna Viva
Protestas contra a planta de compostaxe de Pontevedra: ignorancia ou eleitoralismo?
Unha vez máis atopámonos co mesmo conflito: a ubicación dunha planta de tratamento de residuos xera oposición veciñal, normalmente dos habitantes contorna e informados en moitos casos polo partido político da oposición. En principio, o feito é é facilmente entendíbel xa que a ninguén lle gosta ter unha morea de residuos preto, e se non que lle pregunten á xente de Cerceda.
O problema é cando se confunde intencionadamente un vertedoiro ou unha empacadora de SOGAMA cunha planta de compostaxe. Unha cousa non ten absolutamente nada que ver coa outra: un vertedoiro (como o de Areosa en Cerceda) é un lugar onde se amorean todo tipo de residuos mesturados e sen reciclaxe provocando un forte impacto ambiental e contaminación do solo, auga e ar. E unha incineradora (como a de SOGAMA, tamén en Cerceda) é un lugar onde se queiman os residuos mesturados, tamén sen reciclaxe, emitindo ao ar metais pesados e substancias canceríxenas como as dioxinas,. Ninguén querería vivir ao lado dun vertedoiro ou dunha incineradora!
Mais cando falamos dunha planta de compostaxe, non debemos confundila cunha incineradora ou cun vertedoiro. A unha planta de compostaxe chegan os residuos orgánicos previamente seleccionados en orixe, e mediante un proceso natural transfórmanse en compost, un excelente abono, igual que leva ocorrendo na natureza durante miles de anos e nos nosos campos de cultivo. No rural galego os restos orgánicos nunca foron residuos, senón un recurso en forma de abono rico en nutrientes moi valorado para o solo e para os cultivos Tamén as persoas que teñen un composteiro na casa saben que os restos orgánicos transfórmanse en compost sen problemas.
A xente da Mancomunidade de montes da Canicouva (Pontevedra) entende que a planta de compostaxe proxectada é complementaria á xestión forestal. Por unha banda recibirá residuos orgánicos que hai que mesturar co rozado forestal para que o proceso funcione, axudando a limpeza do monte. Na planta de compostaxe estes elementos transfórmaranse en compost polo labor das miñocas, obtendo un substrato que servirá de abono para as árbores, enrequecendo o solo e acadando unha produción maior. Así ademais pechamos o ciclo no propio monte, como sempre fixo a natureza.
Unha planta de compostaxe ademais xerará postos de traballo locais, porque aínda que sexa unha tecnoloxía moi sinxela, precísanse técnicos/as, operarios/as e educadores/as ambientais... O único requisito é unha boa separación da materia orgánica en orixe, para o que debemos implicarnos e responsabilizarnos todos e todas coa reciclaxe.
Portanto, á hora de falar dos residuos primeiro cómpre informarse sobre cal vai a ser o tratamento e o destino. Unha incineradora? NON! Un vertedoiro incontrolado? NON! Unha planta de compostaxe? Por suposto! Onde está o problema se só se transforman os restos orgánicos en abono, xerando de paso emprego local?
María R. Lafuente, vogal de residuos de ADEGA
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza