Tribuna Viva
Conflito EDAR Poio-Sanxenxo. Posicionamento Veciñal
Dende hai varias semanas, os veciños de Samieira asistimos atónitos a unha proliferación de reunións tuteladas polos nosos representantes locais que teñen como principal protagonista a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR). Despois de máis 2 anos loitando para que se achegue unha solución ao problema da localización, presentando escritos demandando alternativas, denunciando ante o Valedor do Pobo a falta de información e colaboración municipal, agardando reunirnos con Augas de Galicia, non podemos máis que lamentar a continua utilización política deste problema.
O pasado 11 de outubro presentamos no rexistro municipal unha nova petición de información sobre as xestións realizadas pola administración local para a procura dun emprazamento para a EDAR (xuntamos unha copia). Somos veciños de Poio e dende hai máis de 2 anos demandamos un resposta do noso Concello, a administración máis próxima ao cidadán e a encargada de mediar a favor dos intereses dos residentes no seu termo municipal. Hai que lembrar que se esta instalación se vai colocar en solo municipal o Concello de Poio é o responsable de buscar os terreos necesarios (Decreto 59/2013, do 14 de marzo, polo que se desenvolve a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, en materia de execución e explotación de infraestruturas hidráulicas) e ostenta competencias tanto en saneamento como en ordenación urbana. A institución local está actualmente redactando un novo PXOM e está obrigada por lei a precisar os terreos reservados para dotacións, equipamentos e servizos comunitarios, como a EDAR, e a definir con precisión o trazado das redes de saneamento (Lei 9/2002, de 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia).
Así é todo, despois de máis de dous anos de inacción, esquivando as súas responsabilidades, mantendo unha conducta de hostilidade permanente con esta asociación, negándonos aos veciños de xeito reiterado e consciente o coñecemento da información do proxecto, omitindo o seu deber de proporcionar información veraz como poder público, asistimos de novo a un teatro do absurdo, a unha comedia de enredo que nada ten que ver con buscar unha solución ao problema. En todo este tempo non se realizou ningunha xestión para desbloquear a opción de Pampaído; non existiu nin existe a día de hoxe diálogo entre o Concello de Poio e o de Sanxenxo; non se realizou, nin se solicitou, nin unha reunión por esta opción. Unha opción que serve de coartada para tapar, de cara á galería, a falta de resposta dos nosos representantes locais.
Hai que lembrar que os representantes municipais foron os que ofreceron en 2012 a contorna entre as praias do Caeiro e O Laño, unha opción que contou co rexeitamento de máis de 2.300 persoas. Tamén, que desatado o conflito veciñal, estes mesmos representantes comprometéronse públicamente, e ante Augas de Galicia, a buscar unha alternativa a esta localización, pois buscar esta alternativa é o cometido principal do Concello e a única vía para alonxar esta infraestructura nociva, molesta e insalubre, dunha zona ambientalmente sensible do seu termo municipal, e as vivendas. A pesar diso nada se ten feito até o día de hoxe.
Os veciños de Samieira estamos fartos do uso partidista do problema, das guerras políticas entre uns e outros, e de que pretenda culpar da situación da ría aos cidadáns desta parroquia. Os veciños de Samieira, a parroquia máis pequeña de Poio cunha parte moi importante da poboación sen acceso á rede pública de saneamento, non somos culpables dos problemas ría. Non somos culpables de que en 20 anos non se dese solución ao saneamento e non imos consentir que se trate de estigmatizar a parroquia para intentar instalar nela unha macroplanta de tratamento de augas residuais que dará cobertura a unha poboación de máis de 21.000 persoas. Calquera persoa con un mínimo de intelixencia entende que dende hai tempo existe unha aposta clara polo deterioro da imaxe do lugar.
O saneamento é un servizo público, ademais dunha necesidade, e é preciso que se busque un lugar axeitado, pero este proceso debe facerse con garantías, con sentido e responsabilidade, para sexa compatible co benestar das persoas e o medio, para que se respecten os valores ambientais, sociais, os recursos pesqueiros, se minimizen os impactos destas instalacións e se eviten danos e problemas futuros.
O principal obstáculo ao que se enfronta o saneamento da ría non é a defensa que fan uns veciños do seu pobo é o enfoque miope dos seus políticos. Da verdadeira mágoa toda a cadea de despropósitos destas semanas que non fai máis que afondar na confrontación coa cidadanía nun momento onde incrementar esforzos é unha necesidade perentoria.