Ramiro Espiño
Si, Manu Fernández equivocouse...
Si, Manu Fernández equivocouse. O xa extécnico do Pontevedra durou un ano e catro días no cargo, moito máis do que algúns quixeran e posiblemente moito menos do que debería se o deixasen traballar, se non se dedicasen a poñerlle paus nas rodas, se non o xulgasen antes que como adestrador por ser fillo de quen é.
Porque Manu Fernández se equivocou. ÿ evidente. Equivocouse cando na pretempada deixou que lle fixesen o equipo, admitindo no plantel xogadores que el sabía que nada ou moi pouco achegaban, e que figuraban nunha primeira lista de baixas.
Equivocouse cando permitiu que un dos que lle fixeron o equipo, convenientemente "asesorado" telefonicamente por algún xogador doutro club sobre as calidades de certas fichaxes a realizar (que diso se podería falar e moito), vestise de curto nos adestramentos e fose un "visitante" habitual do interior do vestiario.
Manu Fernández equivocouse ao querer crer, a pesar de estar advertido, que contaba coa confianza dos que no Consello de Administración do Pontevedra cortan o bacallau, cando en realidade o único que esperaban era a oportunidade de poñelo na rúa, pero sempre coidando que o seu cesamento non provocase que as miradas se volvesen cara ao Palco (iso, xunto co pánico a perder en Ribadumia, foi o que evitou que a súa cabeza rodase xa tras as derrotas en Ribadeo e a seguinte co Deportivo B).
Tamén se equivocou ao pensar que o vestiario estaba con el, sen querer ver que dentro había máis dun exercendo de toupa do Consello, e cando dende o verán determinadas conversacións foran deslizando dentro o veleno da falta de confianza no técnico, o que en fútbol é como un regueiro de pólvora, que pon un adestrador aos pés dos cabalos en canto os resultados non acompañan.
Manu Fernández equivocouse ao non levantar nunca a voz para reclamar un campo digno onde adestrar habitualmente, por non queixarse alto e claro de que o traballo semanal estaba condicionado por esa falta de instalacións, por ter que adaptar a duración dos entrenos ao horario dispoñible, por non poder utilizar Pasarón nin sequera os sábados, o que obrigaba a desaproveitar o último día útil de cada semana.
Igualmente equivocouse cando aceptou comezar a tempada sen cobrar (e segue sen facelo) unha boa parte da anterior. E iso a pesar de que supostamente o "éxito" da ampliación de capital supoñía a solución definitiva á situación económica do club, ou polo menos iso foi o que nos venderon.
E si, non vou negar que tamén se equivocou deportivamente. Os resultados case nunca menten e neste caso son demoledores. Pero, permítanme a pregunta é o único responsable? Se a súa resposta é que non (a miña claramente o é) o que procede é pedir que Manu Fernández non se vaia só, senón que o acompañen os verdadeiros responsables de que o Pontevedra estea como está (como entidade e deportivamente).
O que de verdade me amola é que, como tantas outras veces no noso amado Pontevedra, teña que marchar alguén que quere ao club, que o leva dentro dende neno, que seguirá queréndoo mesmo dende fóra cando os que agora están (e que non sabían nin onde quedaba Pasarón) se marchen (que marcharán) cando deixe de convirlles persoalmente.
Definitivamente Manu Fernández equivocouse, pero os que o botan tamén. O primeiro fixo o que puido ou lle deixaron. Os outros o que lles deu a gana. Agora só cabe esperar polo ben do Pontevedra que por unha vez (e para variar) acerten ao elixir substituto, porque se non o fan, as miradas da afección (que de parva non ten nada) se dirixirán a outro lugar e non precisamente ao inquilino do banco.