Tribuna Viva
En relación ao vertido da Autoridade portuaria de Vilagarcía
Comunicado da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) en relación ao vertido da Autoridade portuaria de Vilagarcía
Despois de coñecer polos medios de comunicación, que tanto a resposta do Informe do SEPRONA -que actuou por denuncia dunha directiva da PDRA- como o Informe da Consellería do Medio Ambiente confirman as nosas denuncias, queremos facer as seguintes reflexións:
- A Autoridade Portuaria (AP) estivo ocultando á opinión pública a realidade e isto é moi grave porque os asuntos públicos que se xestionan cos nosos impostos deben ser transparentes. A corrupción vai da man da falta de transparencia.
- Ademais de intentar tapar a realidade, a AP mentiu, e isto e aínda máis grave. Dicimos que mentiu porque afirmou que se trataba de áridos de categoría I segundo o CEDEX. A PDRA solicitoulle á AP os informes ambientais ou a posibilidade de acceder a eles na sede da AP e non o conseguimos. Temos serias dúbidas de que o CEDEX acreditara tal cousa porque segundo o CEDEX: Pertenecen a la categoría I aquellos materiales procedentes del dragado de los fondos portuarios cuyos efectos químicos y/o bioquímicos sobre la flora y la fauna marinas son nulos o prácticamente insignificantes. Los materiales dragados pertenecientes a esta categoría podrán verterse libremente al mar, con la sola consideración de los efectos de naturaleza mecánica.(Recomendaciones para la gestión del material dragado en los puertos españoles, 1994)
- Ocultar, mentir,..., DIMITIR. Desde o noso punto de vista como cidadáns parécenos insostible -en democracia- que un cargo público poida actuar deste xeito, propio de rexímenes non democráticos. Desde a PDRA reclamamos a dimisión da Presidenta da AP e unha explicación do partido político que a nomeou.
- Asemade estudamos cos nosos avogados a posibilidade de acusar de delicto ecolóxico ás persoas responsábeis.