Mari Luz Fernández
A Federación Boa Vila prega un cambio de políticos e de dirixentes veciñais
Os políticos piden un cambio. Din que a sociedade non vai ben. Necesita renovar a clase política e sindical. Un cambio de persoas e que veña xente nova a relevarnos. Non só os políticos, tamén ten que haber un cambio no movemento veciñal.
Din que as asociacións de veciños non protestan, que están a seguir o xogo aos políticos. Eu diría que non é así, simplemente os medios de comunicación véndense ao mellor ofertante, pois os medios dependen de subvencións para subsistir.
Cando os veciños protestamos, os medios non din nada, polo menos das asociacións de dereitas.
Cada vez que se fai algo na cidade, saen os de sempre a protestar, fanse plataformas e saen ás rúas as mesmas persoas con carteis diferentes.
Eu levo no movemento veciñal, un ano máis que o señor Lores de alcalde de Pontevedra, 16 anos. Dende entón Pontevedra segue sen industria, desaparecendo día a día a pouca que nos queda. Pontevedra é unha cidade morta para os mozos.
O concello sabe que hai tres Federacións veciñais. Dúas delas teñen local. A Federación Boa Vila, non. O Concello nin sequera conta cunha pequena cantidade de diñeiro nos seus presupostos para nós poder subsistir.
No tempo que levo cos veciños conseguimos que a Xunta aprobase a Lei de Medio Ambiente e o seu Regulamento, obrigando os concellos a respectar a Lei de Contaminación Acústica. Foi un grande triunfo conseguido polos veciños.
Coa federación Castelao reuniámonos na Cruz Vermella. Agora eles teñen o seu propio local social, o mesmo que sucede con aquelas asociacións amigas do Señor Lores.
Conseguíanse cousas despois de moita loita. Grazas ao movemento veciñal a clase política comezou a facernos caso e contar connosco.
Hoxe isto non sucede. Só contan con quen vai no carro dos que gobernan.
A nós trátannos de espremer para lograr a nosa desaparición. Iso é o que fai o Concello cos de noso sentir.