Tribuna Viva
O Comité de ENCE sobre "a necesidade de sumar forzas para a mellora ambiental da ría"
A actividade marisqueira está sendo este ano especialmente afectada pola marea vermella, impedindo o traballo nos bancos marisqueiros. Este problema conxuntural relacionado cos ciclos biolóxicos da natureza e que desexamos remate canto antes, vén sumarse ao principal problema estutural que ten a Ría: a presenza de coliformes fecais impide marisquear en boa parte da nos Ría. De acordo co expresado polas mariscadoras en diferentes ocasións, acabar con este problema suporía xerar ducias de postos de traballo na Ría.
Os traballadores e traballadoras de Ence en Pontevedra entendemos e apoiamos ás mariscadoras cando piden solución administrativas para os problemas económicos que lles está a xerar a marea vermella. E instamos, ademáis, á solución definitiva do problema das coliformes fecais que lle afecta á Ría. Non é aceptable que, encetado o século XXI, a Ría continúe a ter este tipo de problemas. E defendemos, e defenderemos, todas aquelas medidas e/ou acción destinadas á xeración de emprego sostible na Ría.
O problema das coliformes non é novo, e non houbo dende as administracións públicas proposta ningunha para resolvelo, xerándolle un prexuízo enorme ao emprego na comarca. Nestes tempos nos que están pechando algunas das principais empresas da comarca, é especialmente importante resolver problemas coma este.
Neste contexto, apoiamos a proposta feita por Ence de crear unha mesa de diálogo na que as administracións, as confrarías, as prinicipais empresas da Ría, e as organizacións cidadás relacionadas con ela, senten a dialogar sobre a natureza real dos problemas e sobre as súas solucións. Coma traballadores e traballadoras, e coma veciños e veciñas de Pontevedra e moi especialmente das confrarías, queremos denunciar o feito de que, habendo un problema de contaminación por coliformes fecais que afecta á Ría dende hai tempo, e que foi reiteradamente denunciado polas mariscadoras, non houbese proposta alguna para a súa solución e que ademáis se desprecen propostas que poden chegar a xerar beneficios para toda a cidadanía.
Entendemos que as persoas que ocupan cargos de responsabilidade política deben unirse a esta inquietude polo estado ambiental da Ría e polo seu impacto no emprego. Neste sentido, actitudes de rexeitamento a propostas para a mellora ambiental da Ría non resultan aceptables.
Como comité de empresa, traballamos e traballaremos para que a xestión ambiental de Ence sexa exemplar, esixíndolle á empresa o que resulte preciso. Pero non podemos consentir que non se queira establecer un diálogo de carácter técnico e construtivo para coñecer a orixe dos problemas e formular solucións. E tampouco podemos consentir que mentres non hai interese por analizar con criterios técnicos un problema deste calado, se nos acuse a nós, e ao noso traballo, sen certidume técnica algunha e con moitos motivos para pensar que a orixe das coliformes fecais pode estar relacionado con outros factores, dunha situación que impide crear emprego na Ría.