Beatriz Suárez-Vence Castro
Filosofía para dúas rodas
As reinvindicacións son caprichosas con isto da língua. Fanse no idioma que a un lle sae de dentro cando necesita que cheguen ben claras. O idioma das reivindicacións non o pode elixir un racionalmente. Son as nosas tripas as que o fan por nós. Sae de dentro. E hoxe saíume o Galego.
Tamén conta que é o idioma no que o noso Concello entende mellor .
A nosa corporación local acaba de presentar unha guía de rutas para camiñar polos espazos públicos da nosa cidade: O Paso minuto. A encargada de facer a presentación foi Carmen Fouces, concelleira de Benestar Social. Baixo o lema "Movome, logo existo" falou dos múltiples beneficios que camiñar supón para a saúde.
Paréceme unha iniciativa acertada pero gustaríame que o Concello tivese tamén un tipo de iniciativa similar para os que nos desprazamos en bicicleta pola cidade. Estase a converter esta afección nosa, tan boa para a saúde como camiñar, nunha actividade de risco debido a ausencia de carrís-bici. O ninguneo do Concello estanos a converter en proscritos. Non somos ben admitidos ni por os condutores de turismos nin por os peóns. Non temos un sitio habilitado para circular sen poñer en perigo a nosa integridade física e a dos demáis.
ÿ unha mágoa, porque o trazado da cidade préstase ben para que as bicis poidan integrarse no trazado urbano. O interese que mostrara hai un tempo o Concello polo tema con iniciativas como o Pilla-Bici foi "pan para hoxe e fame para mañá."
ÿ certo que moitos ciclistas van coma tolos polas rúas pero a maioría son respectuosos co resto de vehículos e os peóns. Pero, ás veces, vense obrigados a facer manobras arriscadas e mesmo faltar ao código da circulación porque sinxelamente córtaselles o paso para poder seguir circulando. Está a ser unha gran incongruencia que si existan lugares para poder aparcar as bicicletas pero non lugares axeitados para utilizalas en movemento.
Tampouco é solución apartalas do entorno urbano porque a bici vén sendo o medio cada vez máis elixido pola xente para ir a traballar ou levar os seus fillos ao colexio. Non contamina e resulta moi útil para evitar atascos.
O día seguinte da presentación en Pontevedra da iniciativa "Móvome, logo existo" a compañía GrassRoots, adicada entre outros servizos á Comunicación e Medición de Resultados presentou tamén unha iniciativa perante o Ministerio de Hacienda en Madrid para que se inclúa a bici entre os beneficios de retribución flexible, concepto este que consiste en que o empregado poida elixir que parte da súa retribución adoita seguir percibindo como salario e que parte escolle recibir en forma de produtos .
Afirman que o uso diario da bicicleta reduce o stress e a ansiedade, causas estas moitas veces de baixas laborais, o que permitiria reducir o absentismo laboral nun 25%. Sendo ademáis unha fonte de negocio e emprego para un sector moi próspero noutros países europeos. ÿ un cambio que vén a ser beneficioso tanto para o traballador como para a empresa e non implica investimentos. Os desprazamentos laborais representan en España un terzo do total dos desprazamentos que se fan ao ano.
Se o alcalde pretende facer de Pontevedra unha cidade acorde cos modelos europeos non pode perder de vista datos coma este que falan da importancia cada vez máis crecente da bicicleta como alternativa no transporte urbano. As bicicletas deixaron de ser xa hai moito tempo somentes un divertimento para os nenos e estanse a consolidar coma un medio de transporte sostible, ecolóxico e saudable para xente de todas as idades.
Non significa isto que cada un non poida decidir cal é o medio que pode empregar nos seus desprazamentos pola cidade, significa só que deben darse opcións para todos eles. E que teñamos unha cidade cun tráfico ordenado, no que teñan cabida todo tipo de vehiculos cadanseu co seu propio espazo sen que ningún obstaculice a circulación dos outros e non resulte asemade perigosa para os peóns.
E verdade que o clima galego non semella moi axeitado para o uso da bicicleta aínda que poida usarse todo o ano cunha boa protección, cicloxénese aparte, claro está. Pero agora que comeza a primavera xa non hai disculpa para que os que poidan facer de Pontevedra unha cidade máis amable cos ciclistas urbanos non aporten os medios para que así sexa.
De momento todo o que temos parece ser "Móvome en bici, logo non existo".