Zapadores e infantaría da Brilat esperan a orde para despregarse en Valencia

Pontevedra
03 de novembro 2024
Actualizado: 14:52

Son ao redor de 150 efectivos da brigada pontevedresa que tamén achegarán material sanitario e maquinaria pesada

Parada militar polo 57 aniversario da Brilat
Parada militar polo 57 aniversario da Brilat / Mónica Patxot

Unha sección de zapadores e dúas seccións de infantaría da Brigada Galicia VII (Brilat) están preparadas para activarse en canto reciban a orde, sumándose aos miles de militares que están xa traballando nas zonas afectadas pola Dana na comunidade de Valencia, segundo información confirmada pola Subdelegación de Defensa en Pontevedra.

Son ao redor de 150 efectivos da brigada pontevedresa que tamén achegarán material sanitario e maquinaria pesada. Sobre o terreo xa está a traballar a sección de zapadores da Brigada Guzmán el Bueno X (BRI X).

Esa unidade formada por efectivos do Exército de Terra con base en Cerro Muriano sumouse este sábado ás forzas que xa hai despregadas na Comunidade Valenciana, Albacete e Cuenca.

Priorizouse a proximidade xeográfica para ordenar o despregamento de militares.

Axentes da Garda Civil desplazados a Valencia
Axentes da Garda Civil desplazados a Valencia

Ademais, este domingo saíron desde a provincia de Pontevedra, dez axentes da Unidade de Seguridade Cidadá da Garda Civil, que son os primeiros que salguen desde aquí cara a Valencia.

O subdelegado do Goberno, Abel Losada agradeceu o ofrecemento destas persoas a trasladarse a Levante así como "a profesionalidade, o voluntarismo e o grao de compromiso" nunha situación de emerxencia evidente.

Abel Losada destacou a "presenza e capacidade do Estado" para afrontar determinadas situacións "moi duras no persoal e no material" e que, ao seu xuízo "mostran o importante que son os servizos públicos".

"Esa frase de coidar a quen nos coidan eu creo que ten máis sentido que nunca nestes días", engadiu.

Tras catro días dos efectos devastadores da dana, na actualidade os esforzos da Garda Civil están a dirixirse á localización dos desaparecidos, a identificación dos cadáveres achados, reforzar os labores de abastecemento da poboación e os labores propios de seguridade cidadá co obxecto de contribuír a alcanzar a normalización da situación canto antes.

As unidades implicadas, especialmente as da Agrupación de Tráfico, están a contribuír a facilitar o abastecemento por parte dos medios de transporte de produtos básicos e elementos esenciais á poboación, beneficiando os labores de retirada de vehículos e limpeza das vías de comunicación.

Ata a data leváronse a cabo máis de 36.115 rescates e auxilios de persoas en poboacións e na estrada.

Así mesmo, como resultado do dispositivo operativo establecido para a prevención de accións de pillaxe e saqueo, realizáronse 35 detencións.