A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda iniciou este luns a venda de máis de 750.000 metros cadrados de solo empresarial de Xestur, que se poden adquirir cun desconto no prezo de saída. A superficie está repartida en 17 parques empresariais en distintos concellos galegos entre os que se atopa o Polígono da Reigosa, en Ponte Caldelas.
Ademais do prezo bonificado destas parcelas sobre as que se desconta un 30 ou un 50%, os interesados tamén teñen a opción de adquirir este solo en dereito de superficie.
Na Reigosa son un total de 119.330,03 metros cadrados de terreo no Polígono Industrial polo que as empresas interesadas poderán optar ás 14 parcelas que aínda están dispoñibles a un prezo de 66,12 euros/metro cadrado, cando antes estaba a 94,47 euros/metro cadrado.
O Polígono de A Reigosa presenta unha excelente ubicación, moi preto da cidade de Pontevedra, do Porto de Marín e moi ben comunicada por estrada. Cabe ter en conta que as comunicacións mellorarán aínda máis co enlace á nova autovía A-57 que se contempla no lugar da Ermida.
Ademais, o Concello de Ponte Caldelas ofrece diferentes vantaxas ás empresas que se ubiquen neste polígono e que manteñan o compromiso de contratar a persoas empadroadas neste municipio.