Volven as mobilizacións 'anti-crematorios' en San Amaro

Pontevedra
09 de xaneiro 2014

Os representantes da plataforma Non Crematorios Pontevedra Leste reactivaron as súas mobilizacións para evitar a construción dun forno incinerador na zona de San Amaro e que calquera crematorio que se instale sexa a máis de 500 metros da poboación. Esta Plataforma ten intención de achegar as súas protestas ao centro urbano para facelas máis visibles

Concentración veciñal contra a instalación de crematorios en San Mauro
Concentración veciñal contra a instalación de crematorios en San Mauro / Diego Torrado

Os representantes da plataforma Non Crematorios Pontevedra Leste reactivaron as súas mobilizacións para evitar a construción dun forno incinerador na zona de San Amaro e que calquera crematorio que se instale sexa a máis de 500 metros da poboación.

Afirman que esta distancia de 500 metros se está a respectar no 80% dos crematorios instalados hoxe en día en toda a xeografía española, e citaron casos próximos como o de Vilalba no polígono industrial P-3, o de próxima execución de Ourense tambien no polígono industrial de Barreiros, o de Boisaca dende hai anos no Polígono industrial do Tambre en Santiago ou Valladares en Vigo apartado do núcleo poboacional, ou mesmo o de Funeraria Tanamaño en Redondela nunha zona máis illada, con poucas vivendas afectadas.

Tamén se referiron ao crematorio de Pereiró en Vigo, moi nomeado por estar moi preto das vivendas, "dicir que este se construíu hai 20 anos nunha zona pouco habitada apartada do núcleo no cemiterio municipal de Pereiró, onde ao longo dos anos se construíron os edificios, caso contrario ao noso en A Parda onde xa se fixo a planificación da cidade e se construíu e agora queren instalalo", sinalaron.

En canto á mobilización deste xoves a principal novidade respecto ás anteriores concentracións foi que os veciños protestaron camiñando ao longo da rúa Juan Carlos I, da rotonda próxima ao Conservatorio á rotonda máis próxima ao cemiterio de San Amaro.

Esta Plataforma ten intención de achegar as súas protestas ao centro urbano para facelas máis visibles.

O secretario da Plataforma Non Crematorios Pontevedra Leste, Antonio Ramírez, anunciou que están en contacto con colectivos como Ecoloxistas en Acción ou Verdegaia, " porque este é un tema de medio ambiente, a nosa principal reclamación e respecto a calidade do aire" sinalou, aínda que estes grupos ecoloxistas aínda non se posicionaron respecto a esta polémica xa que "están estudando o tema".

Dende esta Plataforma insistiron na necesidade de "respectar unhas distancias de seguridade dende estas industrias ás vivendas dos cidadáns, para garantir a calidade de vida dos veciños polo que reiteran que "non estamos en contra dos crematorios".