Volve Pontenciencia para fomentar a cultura científica, tecnolóxica e da innovación no estudantado

Pontevedra
21 de abril 2023

Este venres 21 de abril presentábase Ponteciencia 2023, un proxecto impulsado polo Concello de Pontevedra xunto coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), o Ministerio de Ciencia e Innovación dentro da ''Convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación'

Presentación do proxecto Ponteciencia 2023
Presentación do proxecto Ponteciencia 2023 / Concello de Pontevedra

Este venres 21 de abril presentouse  Ponteciencia 2023, un proxecto impulsado polo Concello de Pontevedra xunto coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), o Ministerio de Ciencia e Innovación dentro da 'Convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación'.

A esta presentación acudiu o concelleiro de Educación, Agustín Fernández; o deputado provincial Gregorio Agís; a vicerreitora do Campus Universitario de Pontevedra, Eva Lantarón; e os empresarios Manuel Fernández Rascado, apoderado de Setga, Casimiro González Fernández, xerente territorial de Viaqua e Elisa Barbeito, responsable de Cristalería Pontevedresa. 

"Hai dez anos comezou esta aventura con moita paixón, con moita ilusión e moitas dúbidas" debido ao momento económico pediuse unha subvención ao Ministerio e "a pesar de todo concedéronnola e aínda seguimos dispoñendo dela", expón Fernández.

Aos poucos Ponteciencia foi crecendo e convértese nun "referente non só a nivel provincial senón a nivel de todo o estado", destaca Fernández, xa que non hai moitas exposicións desta índole por España. Esta feira científica "nútrese do esforzo dos colexios, dos profesores e dos alumnos e tamén de todos os que colaboran connosco para facela posible".

Esta iniciativa ten como obxectivo brindar ao alumando de 18 centros educativos de Pontevedra e ás súas familias ferramentas e actividades que proxecten unha visión dinámica e atractivo da ciencia, da tecnoloxía e da innovación no estudantado máis novo. Eva Lantarón destaca que Ponteciencia fai posible "desenvolver o pensamento creativo e promover o interés dos cidadáns pola investigación, a ciencia, a tecnoloxía e a innovación". 

Ponteciencia conta con tres modalidades: 'Ciencia no Cole' na que participan 10 centros educativos de Educación Primaria con 15 investigacións procedentes do CEIP Santo André de Xeve, CEIP San Martiño, CPR Calasancio, CEIP Froebel, CEIP Manuel Vidal Portela, CPR Sacro Corazón de Jesús de Pontevedra, CPR Sacro Corazón Praceres de Lourizán, CEIP Ponte Sampaio, CEE Pontevedra e CEIP A Xunqueira 2; e 'Ciencia en Familia' na que participan 16 familias con 7 investigacións, mentres que nos 'Premios Xoves Investigadores' da ESO, Bacharelato, e FP, participan 17 investigacións de 8 centros: CIFP A Xunqueira, IES Luís Seoane, CPR Sacro Corazón de Jesús Praceres de Lourizán, CFEA Lourizan, IES Montecelo, CIFP Carlos Oroza, IES Gonzalo Torrente Ballester e IES Valle Inclán.

Este proxecto divídese en tres sesións: 'Ciencia no Cole', na que se presentarán os proxectos de investigación ao estudantado de 5º e de 6º de Primaria dos centros de ensino participantes; 'Xoves Investigadores e Investigadoras' focalizado á Educación Secundaria e no que se outorgarán os Premios de Investigación; e a terceira sesión: 'Ciencia en Familia', nesta presentaranse proxectos de investigación das familias participantes do alumando de Primaria. Ademais o xurado deliberará o resumo entregado, a presentación física na caseta e a presentación oral do alumno.

O concelleiro anima a cidadanía para acudir á exposición final deste proxecto, que será os días 5 e 6 de maio. "Dá gusto ver o ánimo e a ilusión, que poñen as rapaces e as rapaces en explicar os diferentes proxectos que presentan", comenta Fernández.

Este proxecto recompensará con cinco premios de 500 euros ás mellores investigacións

Durante estes días a parte de realizar a presentación do seu traballo, o alumnado realizará actividades nas que cociñarán, aprenderán máis sobre ciencia, poderán acudir a unha obra de teatro, tamén coñecerán mulleres científicas, terán un achegamento ao mundo tecnolóxico a través de lentes de realidade virtual, entre outras actividades. 

A programación das actividades é a seguinte:

Venres 5 de maio 
 
Ciencia no Cole
10:00h-11:30h. Exposición dos proxectos ao xurado.
 
10:00h-13:40h. Participación dos colexios nas actividades.
 
Premios de Investigación 2023
16:30h-18:30h. Exposición dos proxectos ao xurado. 
 
16:30h-19:30h. Visita aos proxectos 'Ciencia no Cole'.
 
18:30h-19:30h. Visita libre Stands Premios de Investigación 2022. 
 
Sábado 6 de maio
 
Ciencia en Familia
10:00h-11:00h. Exposición dos proxectos ao xurado.
 
11:00h- 13:30h. Visita libre de stands: 'Ciencia en Familia', 'Ciencia no Cole' e Premios de Investigación 2022.
 
10:00h-13:30h. Actividades de acceso libre para o público.
 
13:30h. Acto de entrega de diplomas e premios.
 
14:00h. Clausura e pincho.