Vilagarcía verá reforzada no verán a presenza da Policía Nacional

O Salnés
14 de marzo 2018

Tras reunirse co alcalde de Vilagarcía, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, desvelou que o Ministerio do Interior aprobou unha bolsa de horas extraordinaria para reforzar o persoal da Policía Nacional na localidade

Reunión entre a subdelegada do Goberno e o alcalde de Vilagarcía
Reunión entre a subdelegada do Goberno e o alcalde de Vilagarcía / María López

O persoal da Policía Nacional en Vilagarcía verase reforzado a partir do verán. Así o anunciou a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, tras reunirse este mércores co alcalde da capital arousá, Alberto Varela.

"Contamos con que probablemente en verano podamos disponer de alumnos en prácticas y también el comisario jefe me traslada que tiene autorizado ya del Ministerio un servicio extraordinario para la comisaría de Vilagarcía", explicou a representante do Goberno.

Esta medida supón  "una bolsa de horas para que los policías de Vilagarcía puedan realizar más servicios de los que están realizando", sinalou, á espera de que os axentes das últimas promocións que están actualmente completando a súa formación poidan asumir as prazas vacantes.

Dáse resposta así, polo menos en parte, ás queixas de sindicatos policiais e da cidadanía pola diminución sufrida no persoal da Policía Nacional en Vilagarcía.

"Todos nos sentimos máis seguros, máis tranquilos, se hai unha presenza de policía polas rúas", comentou pola súa banda o alcalde, quen pediu "un esforzó á subdelegada para que inmediatamente se é posible teñamos máis presenza da Policía Nacional. Nós pola nosa parte tamén da Policía Local", indicou Varela.

No encontro analizáronse ademais os datos de criminalidade de Vilagarcía no último ano, e que foron obxecto de polémica polo declarado por parte do delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, afirmando que os delitos aumentaran.

"Seguimos mantendo que é unha cidade segura", afirmou Ana Ortiz, baseándose na cifras que indican que aínda que "es cierto que han subido algunas infracciones administrativas, lo fuerte, los delitos que más nos preocupan a los ciudadanos, han bajado más de un 4%", sinalou para tentar tranquilizar aos cidadáns.