O alcalde de Vilaboa, César Poza, pediu a protección dunha fonte pública situada na contorna do Camiño Xacobeo e que se garanta o acceso ao propio manancial aínda que polo de agora non está definido si se verán afectados polas obras da autovía A-57.
O alcalde de Vilaboa realizou unha visita de recoñecemento ás obras da autovía A-57, na que estivo acompañado polo director do proxecto, Emilio Merodio; o arquitecto municipal, Braulio Iglesias e por Ricardo Acuña, veciño de Figueirido e representante dunha traída de augas local.
César Poza destacou a boa predisposición do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a escoitar as demandas dos veciños con respecto ao proxecto da A-57 co fin de minimizar o impacto da nova autovía na calidade de vida dos residentes en Vilaboa.
O rexedor de Vilaboa lembra que o departamento estatal xa aceptou o cambio da canalización das augas, para evitar inundacións en propiedades lindeiras na parroquia de Bértola. Os desaugadoiros da autovía, inicialmente previstos cara un regato secundario, dirixiranse agora ao río de Bois, como demandaba o Concello.
"Repasamos as actuacións que se están a levar a cabo nesta materia porque é fundamental para nós preservar a protección das vivendas da contorna e que unha obra desta envergadura contemple solucións técnicas axeitadas para evitar problemas futuros", dixo o alcalde.
César Poza está a realizar inspeccións regulares ás obras para comprobar que as demandas tramitadas desde o Concello se inclúen na execución dos traballos.
A reposición de viais públicos afectados polo tránsito de camións pesados para a realización da obra foi outra das cuestións abordada na visita.