Veciños de Xeve e Bora colapsan os rexistros coas súas alegacións contra a A-57

Pontevedra
24 de xaneiro 2019

Os veciños apuntan que o prazo de presentación de alegacións termina o vindeiro luns 4 de febreiro polo que están a organizar quendas para presentar os seus escritos aproveitando a existencia dun "rexistro único" que permite que poidan presentar as alegacións ante calquera organismo público

Veciños de Xeve e Bora presentan as súas alegacións contra a A-57
Veciños de Xeve e Bora presentan as súas alegacións contra a A-57 / Mónica Patxot

Un grupo de veciños das parroquias pontevedresas de Xeve e Bora acudiron este xoves ás oficinas da delegación do Ministerio de Fomento no barrio de San Roque para entregar as súas alegacións contra o trazado da autovía A-57.

Calculan que levan tramitadas máis de oito mil alegacións contra o deseño deste tramo de catro quilómetros do segundo tramo da A-57, A Ermida- Pilarteiros.

O procedemento está a ser tedioso xa que os veciños topáronse co embudo que supón ter que rexistrar dixitalmente cada un dos escritos, un trámite que leva a cada funcionario unha media de tres minutos. O protocolo impide a cada persoa presentar máis de dez alegacións o que complica e retarda este procedemento.

Os veciños apuntan que o prazo de presentación de alegacións termina o vindeiro luns 4 de febreiro polo que están a organizar quendas para presentar os seus escritos aproveitando a existencia dun "rexistro único" que permite que poidan presentar as alegacións ante calquera organismo público.

María del Carmen Tenorio, portavoz dos veciños de  Bora explicou que nesta parroquia hai "unhas 60 casas moi afectadas pola proximidade do trazado, ainda que non se saberán as que van ser derribadas ata que presenten o proxecto construtivo".

"É Fomento quen ten que buscar as solucións axeitadas e nós só temos que dicir as que non nos gustan", engadiu esta portavoz.

En nome dos veciños de  Xeve falou Jesús Castro que lembrou que levan "pelexando" desde o ano 2003. ""En principio enganaron aos veciños dicindo que iba ser unha circunvalación para Pontevedra co que a xente estaba de acordo" e agora "xa se sabe que é unha autovía que para Pontevedra non sirve nada", sinalou.

O trazados proposto levan por diante unhas 13 casas en Xeve e moitas máis ven afectadas "onde está a sensibilidade de Fomento?", pregúntanse.

Arquivado en