Veciños de Xeve e Bora, todos eles afectados polo trazado proposto por Fomento para o segundo tramo da A-57 entre A Ermida e Pilarteiros, acudiron este mércores ao Concello, para solicitar o apoio do goberno municipal ás súas reivindicacións.
Alí, unha decena de persoas entrevistáronse cos concelleiros Demetrio Gómez e Alberto Oubiña, que lles explicaron a postura do executivo local respecto desta infraestrutura.
Os afectados solicitan, entre outras cuestións, que se paralice a construción desta autovía polo alto impacto que tería nas dúas parroquias, tanto desde o punto de vista natural como das propiedades que se verían afectadas.
Ademais, entenden que as administracións deberían traballar para liberar a autoestrada AP-9, en lugar de apostar por un viario novo cun trazado paralelo ou, en todo caso, que se busque unha terceira alternativa aos dous itinerarios propostos que leve a nova autovía máis lonxe do centro urbano e reducir as afeccións.
Antes deste encontro, os veciños abordaron ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, no corredor do concello, e reprocháronlle que o Concello non se posicionara en contra do trazado previsto por Fomento.
Fernández Lores explicou que resulta "pouco serio" os continuos "mareos" do Goberno con respecto á A-57. "Estanse rindo de nós", lamentou
Minutos antes, en rolda de prensa, Fernández Lores explicou que resulta "pouco serio" os continuos "mareos" do Goberno con respecto á A-57. "Estanse rindo de nós", lamentou o alcalde visiblemente enfadado.
O rexedor lembrou que Fomento "deixou caducar" o estudo de impacto ambiental realizado en 2007, que recollía un trazado practicamente idéntico ao que se propón agora, polo que entende que presentar novas alternativas, tendo en conta que todas elas afectarán a unha parte ou outra do territorio, "é para xustificar un novo atraso máis".
APOIO DE SALVEMOS A FRACHA
Sobre esta cuestión vén de pronunciarse tamén a plataforma veciñal Salvemos a Fracha, que se opuxera firmemente ao primeiro treito da A-57 entre Vilaboa e Marcón. Ademais de amosar a súa solidariedade cos veciños de Xeve e Bora, o colectivo insiste nos efectos negativos desta autovía e reitera a súa petición a Fomento para que paralice esta "innecesaria" infraestrutura.
Salvemos a Fracha lembra o impacto "negativo" que a A-57 terá sobre espazos de "gran valor" ambiental, social e económico "irreparables", como pasou na serra da Fracha, polo que insiste en que se debe poñer fin a este "despropósito" e impulsar a liberalización da autoestrada AP-9, que ten un trazado paralelo ao proxectado para esta autovía.
No momento actual no que se está a debater entre dúas alternativas para o trazado A Ermida-Pilarteiros, a plataforma pide ademais ao Ministerio de Fomento que non reitere os "malos vicios do pasado", pois as alegacións que presentaron os afectados polo primeiro tramo da A-57 non foron tidas en conta.