Veciños de Samieira estudan denunciar a situación da praia do Laño por delito ecolóxico

Poio
01 de agosto 2014

"Consideramos que é inconcebible que aínda hoxe non se explicara cal foi a causa que orixinou a contaminación da praia", afirman desde a Plataforma Vecinal de Samieira. "Quen contamina paga e este tipo de agresións non poden quedar impunes"

Baño protesta dos usuarios da praia do Laño
Baño protesta dos usuarios da praia do Laño / Plataforma Veciñal Samieira

A situación da praia do Laño é "inadmisible" para a Plataforma de Veciños de Samieira. Aseguran que o peche ao baño do pasado sábado, en plena tempada de verán, e as declaracións feitas desde o Concello de Poio e a Xunta de Galicia "inquietan aos cidadáns e alentan un conflito social sen xustificación". Todo iso causou, lamentan, un importante dano na imaxe da zona e graves prexuízos ao sector hostaleiro e turístico.

A día de hoxe, aseguran que non existe ningún dato que aconselle o peche ao baño da praia ou que constate que sufra contaminación, polo que dende este colectivo avanzan que "seguiremos defendendo a zona e actuando contra unhas medidas que consideramos desproporcionadas e inxustas".

Tendo en conta, sinalan os veciños, que examinada a zona se sospeita que a análise se deriva dunha vertedura, a plataforma estuda formular unha denuncia para que se proceda a investigar por se alguén provocou ou realizou, directa ou indirectamente, unha vertedura no lugar da toma da tan controvertida analítica. Tales feitos, recordan, serían constitutivos dun delito ecolóxico conforme ao artigo 325 e seguintes do Código Penal.

"Consideramos que é inconcebible que aínda hoxe non se explicara cal foi a causa que orixinou a contaminación da praia", afirman desde o colectivo veciñal. "Quen contamina paga e este tipo de agresións non poden quedar impunes".

Subliñan que O Laño é o segundo areal máis extenso de Poio e o que padece menor presión urbanística. De aí que recorden ás administracións implicadas e aos políticos "que tan alegremente realizaron algunha manifestación fóra de lugar ou para crear polémica", que son os responsables de protexer e conservar a zona, o seu desenvolvemento económico e social e a calidade de vida dos seus cidadáns.