Non estaba na orde do día do Pleno, pero a planta de compostaxe que se planea construír na Canicouva estivo moi presente no Teatro Principal este luns. Preto dun centenar de veciños de Ponte Sampaio, que se opoñen frontalmente a este proxecto, concentráronse antes do inicio da sesión plenaria para recibir o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, entre berros e apupos, como xa fixeran o pasado 2 de marzo.
"Isto vai ser unha Sogama do sur en toda regra", asegurou o voceiro dos veciños, Eugenio Peón, antes de acceder ao Teatro Principal, onde estiveron pouco máis de quince minutos. Pediron a palabra no Pleno, pero tanto o alcalde coma o secretario informáronlles que o regulamento municipal, aprobado por unanimidade de todos os partidos - PP, BNG e PSdeG-PSOE-, actualmente non o permite.
Foi entón cando os veciños decidiron abandonar o Pleno, non sen antes manifestar o seu rotundo rexeitamento á construción desta planta. "Farán a planta de compost por riba dos nosos cadáveres", chegaron a berrar aos membros do goberno municipal, con especial entusiasmo cara a Miguel Anxo Fernández Lores, César Mosquera e Raimundo González, aos cales acusaron de "traizón" a Ponte Sampaio e aos que dedicaron numerosos insultos.
A pesar destes momentos de tensión, os axentes da Policía Local non tiveron que intervir e os veciños abandonaron o Teatro Principal voluntariamente.
Os veciños de Ponte Sampaio insisten en que "estamos defendendo o que nos parece xusto", xa que temen que unha planta destas características poida producir filtracións na auga que beben na parroquia. Ademais, cren que coa reserva de terreo que se fixo na Canicouva "iso non é para facer esterco, senón que é para algo máis gordo", segundo Eugenio Peón, que lamentou que dende o Concello "nos están facendo a guerra".
O voceiro dos opositores á planta de compost asegura que este proxecto "conseguiu enfrontar a dúas parroquias" e teme que esta situación "vai a traer consecuencias", porque afirma que "convivimos todos xuntos e necesitamos todo de todos".
Neste sentido, Eugenio Peón explicou que cos comuneiros da Canicouva "non temos nada que falar porque eles son os donos do seu monte" e que os veciños de Ponte Sampaio "non podemos falar con quen non quere falar con nós". Aínda así, recordou que esta planta ía instalarse en Campañó, pero a oposición veciñal cambiou estes plans. Así foi como recaeu na Canicouva, unha parroquia "moi fácil de dominar porque son só 80 comuneiros".
Antes de entrar ao Pleno, Eugenio Peón concluíu asegurando que "nos dá pena" ver como "os que falaban da ditadura do PP, agora protagonizan unha máis grande".