Un ano máis, Sanxenxo vivirá un fin de ano adiantado. A Praza Pascual Veiga volverá converterse en escenario dunha gran festa para celebrar a chegada do novo ano.
Aproveitando as badaladas que dará o reloxo da casa consistorial, os veciños de Sanxenxo e os seus visitantes poderán despedir o ano de forma anticipada.
Será ás doce do mediodía do próximo martes 31 de decembro, pero desde unha hora antes haberá unha charanga para amenizar a espera e ir creando ambiente.
Cada asistente deberá achegar o ingrediente que desexe inxerir para atraer a boa sorte durante 2024, xa sexan lacasitos, cacahuetes, olivas, uvas, pasas ou gominolas. Haberá un espumoso para brindar polo novo ano cortesía dos locais próximos á praza.
A festa continuará coa queima dos calendarios de 2024, un acto simbólico que pretende deixar atrás os aspectos máis negativos dun exercicio que conclúe e que o lume purificador contribúa a que 2025 sexa un ano cargado de ilusións e novas esperanzas.
Será unha especie de "meigas fóra" onde queimar os malos momentos deste ano que agora acaba, unha tradición que en Sanxenxo comezou a facerse hai case unha década, en 2015.
Tamén a partir das 12:00 e durante unha hora haberá un grupo de animación na praza para amenizar esta "saída" de ano.
O fin de ano adiantado está organizado pola asociación Ou Cubreiro e polo Concello de Sanxenxo, que esperan ter un evento moi concorrido.
O último dia do ano estará cheo de actividades en Sanxenxo xa que, ademais, celebrarase o tradicional mergullo solidario na praia de Silgar, a partir das cinco da tarde, e ás 20:00 horas haberá un espectáculo pirotécnico organizado polo Concello.