Unha planta de produción de motores e redutores eléctricos no polígono da Reigosa e un viveiro en Caritel. Son os dous proxectos empresariais que se porán en marcha en Ponte Caldelas cos 190.000 euros dunha subvención concedida polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Pontevedra-Morrazo.
Os proxectos, que xa contan con informes e valoracións favorables, van permitir a creación de tres novos postos de traballo.
A principal axuda, cun total de 144.671,22 euros, corresponde ao proxecto de fabricación de motores eléctricos e redutores da empresa Electro Gálvez y Senabre, S.L.U., que se vai instalar no polígono industrial da Reigosa. A axuda posibilitará a creación de dous novos postos de traballo. A achega cubre un 45% da parte subvencionable do proxecto empresarial.
Gálvez y Senabre, ata agora dedicada á comercialización de motores industriais de importarción, aposta así por diversificar a súa actividade, aproveitando o seu profundo coñecemento do sector para dedicarse á produción directa e personalizada en función das necesidades específicas de cada cliente.
Gracias a esta axuda acometerá a construción dunha nave de 1.427,70 metros cadrados que albergará unha zona de fabricación, montaxe e embalaxe, unha sala para o depósito de materias incombustibles, unha zona para carga e descarga, sala de maquinaria e espazo administrativo, distribuído en dous andares.
A segunda axuda, cun total de 26.822 euros, tamén cun 45% sobre o total subvencionable, permitirá construír un Centro de Xardinería en Caritel, o que vai supor a creación dun novo posto de traballo. O proxecto inclúe unha edificación de 275 metros nunha parcela de 3.377.
Terá dúas zonas diferenciadas, unha primeira para atención ao público, oficinas e venda de flores, e unha zona de exposición de 220 metros cadrados para plantas, árbores, abonos, fitosanitarios ou maquinaria.
Finalmente, dentro do apartado dos proxectos non produtivos (non xeradores de emprego), o goberno local aposta por investir 17.145,92 euros nunha aula de novas tecnoloxías na biblioteca municipal, co que substituirá os vellos ordenadores do centro por novos equipos.