A concellería de Igualdade de Pontevedra organiza a partir do vindeiro 21 de xuño un programa ao redor do Día do Orgullo con accións centradas na reivindicación das letras que compoñen a terminoloxía LGBTIQA+ da diversidade: L (lesbiana) G (gai) B (bisexual) T (trans) I (intersexual) Q (queer) A (asexual).
A concelleira socialista Yoya Blanco lembraba a crecente ameaza que os discursos de odio e a intolerancia supoñen para a loita pola diversidade sexual e de xénero.
Deste xeito, desde o seu departamento e a través do programa Pinto e Maragota quere converter este Orgullo 2021 "nunha afirmación dos dereitos conquistados por parte do colectivo LGBTIQA+ durante os últimos anos e nunha campaña de visibilización e dignificación, con actividades pedagóxicas, educativas e de comunicación que cheguen ao público adulto e aos nenos e que nos axuden a erradicar as fobias da nosa sociedade".
Yoya Blanco anunciou na sala de prensa do Teatro Principal que o programa do Orgullo 2021 porase en marcha o luns 21 de xuño ás 20:00 horas na Casa das Campás cun encontro titulado 'Orgullo e Memoria', "protagonizado polo activista Jordi Petit e centrado na memoria do colectivo".
Petit, explicou a concelleira, é un dos primeiros activistas LGTB de España e, na actualidade, o presidente honorífico da Coordinadora Gai-Lesbiana de Catalunya. Comezou moi novo a súa militancia política contra o Franquismo e contribuíu á loita para retirar a homosexualidade da Ley de Peligrosidad Social e a legalización das asociacións de gais e lesbianas.
Destacado activista na Loita contra a SIDA e a solidariedade cos gais seropositivos, participou na reivindicación dos dereitos civís de lesbianas e gais. Recibiu a Cruz de Sant Jordi, a máxima distinción catalá, pola súa dedicación durante máis de trinta anos á loita polos dereitos civís.
MÉRCORES 23 DE XUÑO
O programa continuará o mércores 23 de xuño ás 11:00 horas coa presentación da instalación artística ‘Letras Coloridas’, "unha chamada de atención a nivel estético que converterá en protagonistas luminosas as letras que identifican á comunidade LGBTIQA, acompañadas da súa definición" e que estarán colocadas no balcón do Casa Consistorial da praza de España, adiantaba a concelleira de Igualdade.
VENRES 25 DE XUÑO
Blanco tamén aludía aos novos arranxos florais temáticos que o concelleiro de Desenvolvemento Sostible Iván Puentes presentará o venres 25 de xuño no marco do proxecto os Xardíns que Falan. Esta acción terá como escenario os xardíns das prazas de España e Ourense que lucirán flores e plantas de diferentes cores na mesma liña reivindicativa.
SÁBADO 26 DE XUÑO
A edil de Igualdade tamén anunciou que "os sempre agardados Vermús de Pinto e Maragota regresarán o sábado 26 de xuño ás 23:00 horas ao Gastroespazo do Mercado de Abastos cunha noite de cabaré baixo o tentador título de 'Farándula Incandescente'", un espectáculo que incluirá canto, striptease, danza, contacontos, monólogos, acrobacias, interpretación e transformismo.
MARTES 29 DE XUÑO
A Casa das Campás volverá ser escenario o martes 29 de xuño ás 20:00 horas dunha charla sobre o ‘Dereito á diversidade’, na que se falará sobre a protección legal en situacións de acoso e discriminación por orientación sexual.
Contará coa participación do activista LGBTIQA+ Fito Ferreiro, membro fundador do colectivo ALAS A Coruña e que vén de demandar á Televisión de Galicia por acoso laboral por mor da súa orientación sexual. E da xurista, activista trans e formadora en igualdade e diversidade sexo-afectiva Ada Otero, quen tamén é coordinadora do Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (CIDES) de Pontevedra.
ACTIVIDADES INFANTÍS
O espazo de lecer infantil O Ganapán unirase un ano máis á festa do Orgullo cunha ampla programación en torno á diversidade, tanto no Espazo Gastro como no Espazo Crea, que se desenvolverá entre o martes 29 de xuño e o domingo 4 de xullo en sesións de mañá ás 11:00 horas e ás 12:30 horas.