Unha nova protesta de persoal de ENCE corta durante máis dunha hora o tráfico entre Pontevedra e Marín

Pontevedra
30 de novembro 2021

Arredor dun cento de traballadores participaron nesta nova convocatoria realizada polo comité de fábrica de Ence coa intención de demandar ao Goberno central, Xunta de Galicia e á propia empresa pasteira unha solución para garantir a continuidade dos empregos

Protesta de persoal de Ence con cortes de tráfico entre Pontevedra e Marín / PontevedraViva

Pasadas as 10.30 horas, unha furgoneta cargada con pneumáticos situábase no frontal das instalacións de Ence cara á ría de Pontevedra. Varios traballadores da factoría lanzaban aos compañeiros que xa se atopaban na PO-12, a vía que une Pontevedra e Marín, para recoller as rodas e prenderlles lume cortando o tráfico ao redor das 11.00 horas

Nas proximidades xa se atopaba a Garda Civil de Tráfico e axentes da Policía Nacional evitando calquera incidencia. A fumareda cubriu rapidamente a contorna da fábrica, un fumazo que se incrementou cando tamén outro grupo de traballadores prendían lume a outros dous grandes pneumáticos na coñecida como estrada vella de Marín, a PO-546 impedindo o paso de vehículos

Desta forma quedaron cortadas durante ao redor dunha hora as dúas principais vías de comunicación entre Pontevedra e Marín nunha nova protesta convocada polo comité de fábrica de Ence, apoiada polos tres sindicatos CIG, UXT e CC.OO.

Preto dun centenar de traballadores sumábanse á protesta cunha pancarta na que se pedía a garantía e futuro dos postos de traballo. Pablo  Bacariza, secretario do comité de empresa da fábrica, insistía en reclamar aos que consideran responsables da situación, dirección da empresa, Goberno central e Xunta de Galicia, unha solución para que continúe a actividade industrial que permita dar continuidade aos actuais empregos.

"Non pode ser que se non pode quedar aquí, peche", indicaba Bacariza, reclamando algunha fórmula de saída para a empresa no caso de que o Tribunal Supremo confirme a sentenza da Audiencia Nacional que anula a prórroga concedida en 2016. "Se podemos quedar, estupendo; se non, hai que buscar unha solución", afirmaba o representante dos  trabajdores.

A última comunicación que mantiveron desde o comité coa dirección da empresa produciuse antes da anterior protesta, o 29 de outubro. Naquela ocasión, os máximos responsables de Ence mantiñan a súa postura: se non se pode quedar aquí, pecha. "Iso non pode ser unha saída", lamentábase  Bacariza. 

En todo caso, a empresa continúa funcionando con normalidade do mesmo xeito que nos últimos anos sen que se detectara cambio algún na produción. 

En canto á solución de adscribir os terreos de Lourizán que ocupa a fábrica á Autoridade Portuaria de Marín,  Bacariza mostra as súas dúbidas: "se se pode facer, todo o que sexa dar continuidade nos serve, pero vemos que a Autoridade Portuaria pide os terreos e os terreos pode querelos calquera, o importante é que continúe a actividade industrial e iso non se reflexa en ningún sitio".

Ante a falta de pronunciamento por parte das administracións e por parte da dirección da fábrica, desde o comité entenden que as persoas que traballan na entidade se atopan "preocupadas e cabreadas".

Afirma que desde o comité de empresa da fábrica están abertos a falar cos do comité de oficinas para tentar organizar algunha acción conxunta, a pesar de que Ana Cedeira, presidenta do comité de oficinas, confirmara a ruptura de unión sindical, semanas atrás, ao entender que o comité de fábrica pide o traslado da factoría. Pablo Bacariza insiste en que o obxectivo que buscan é que haxa unha solución para os postos de traballo.

Os cortes de tráfico realizados durante esta protesta provocaron importantes retencións de tráfico na contorna de Manuel del Palacio en Pontevedra e nos accesos á PO-12 na zona de Marín.

Arquivado en