Unha marcha agradecerá este venres á Autoridade Portuaria a petición da adscrición dos terreos de ENCE ao porto de Marín

Pontevedra
24 de maio 2022

Será unha andaina desde a fábrica ata o porto onde se vai entregar un manifesto de agradecemento a José Benito Suárez Costa, presidente da Autoridade Portuaria. A marcha foi convocada polo comité de oficinas centrais de Ence Pontevedra, SEFORCEL, a Coordinadora de Trabajadores Auxiliares Ence e a Sección Sindical CCOO 

José Carlos Serantes, Ana Cedeira, Damián Souto e Antonio Taboada
José Carlos Serantes, Ana Cedeira, Damián Souto e Antonio Taboada

Este venres 27 ás 11.30 horas realizarase finalmente a marcha de agradecemento á Autoridade Portuaria de Marín por solicitar a adscrición ao Goberno central dos terreos que actualmente ocupa a factoría pasteira de Ence en Lourizán. A mobilización realizarase pola PO-546, coñecida popularmente como a estrada vella de Marín, desde o recinto empresarial ata as instalacións portuarias.

Esta convocatoria foi organizada polo comité de oficinas centrais de Ence Pontevedra, SEFORCEL (Sociedade para o Emprego Forestal, Rural e Industrial da Celulosa), a Coordinadora de Traballadores Auxiliares Ence e a Sección Sindical CCOO Grupo Ence Pontevedra, despois que se suspendeu en dúas ocasións neste 2022 debido á coincidencia coa traxedia do Villa de Pitanxo e coa folga de transportes.

Ana Cedeira, Antonio Taboada, José Carlos Serantes e Damián Souto, representantes dos colectivos convocantes, anunciaban a organización deste acto, que se realizará a pé, como unha proposta para seguir loitando "pola permanencia de Ence en Lourizán".

Ana Cedeira, presidenta do comité de oficinas centrais de Ence, anunciaba que se entregará un manifesto a José Benito Suárez Costa como presidente da Autoridade Portuaria polos pasos dados para realizar a solicitude que permita o estudo para incorporar os terreos á infraestrutura portuaria e pola presentación dun recurso ao Supremo.

A representante sindical afirmou que, á espera da decisión do Tribunal Supremo sobre as sentenzas da Audiencia Nacional que anulan a prórroga ata 2073, "se hai unha sentenza en contra, a única solución é a adscrición. Se non, será o peche da planta", recoñeceu insistindo en que este problema xerárono os políticos e "quen ten que resolvelo son os políticos".

Antonio Taboada, de SEFORCEL, expuxo que esta opción da adscrición é a única que agora mesmo atópase encima da mesa para o futuro laboral dos distintos sectores dependentes da pasteira xa que "non hai noticia algunha" sobre a procura de alternativas que o Goberno central se comprometera a buscar para a empresa. Neste sentido, lamentou o atraso na contratación dunha consultora por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica para estudar outras opcións.

Por este motivo, os representantes sindicais convocantes da marcha entenden que a solución "definitiva" pasa pola adscrición dos terreos baseándose en que a empresa tamén anunciou investimentos millonarios en caso de continuar na localización actual.  "O interese do Porto claramente é non perder ese movemento de pasta de celulosa do que dependen os seus ingresos maioritariamente", sostén Taboada.

Sobre os cambios políticos dentro do Partido Popular coa posibilidade de que Alberto Núñez Feijóo poida chegar no futuro a presidir o Goberno central, Ana Cedeira explicou que "somos traballadores, non políticos. Se vén outro partido xa se verá que medidas toma" recoñecendo tamén que co goberno actual non hai facilidade na negociación.

"Temos este problema polo Goberno actual. Somos traballadores e imos seguir traballando pola continuidade da biofábrica aquí", indicou a presidenta do comité de empresa de oficinas centrais, ao que Antonio Taboada engadiu: "un goberno de Feijóo sería facilitador".

Arquivado en