O goberno local de Ponte Caldelas está "moi satisfeito" da especialización crecente que o polígono industrial de A Reigosa está adquirindo en torno ao sector dos elaborados do mar. A instalación da conserveira Orbe durante o ano pasado está a exercer un "influxo importante" e así esta mesma semana, a sociedade pública da Xunta de Galicia que xestiona o solo industrial público, Xestur confirmaba o acordo con outra firma deste ámbito.
O equipo de goberno caldelán acolleu a confirmación con "satisfacción", despois de ter mantido contactos con esta firma durante os últimos meses. Os directivos da empresa, que está asentada nun punto do litoral pontevedrés nunhas instalacións que lles quedaron pequenas, pediron discreción ata que se presente a solicitude de licenza.
Por outra banda, o alcalde, Andrés Díaz, recibiu tamén aos directivos doutras dúas empresas do mesmo sector que están a dar os primeiros pasos para adquirir outras tantas parcelas na Reigosa, tamén con vistas ao traslado da súa actividade. "A realidade é que estamos empezando a parecernos moito a un porto seco", celebra o rexidor.
O Concello de Ponte Caldelas subliña que se na operación xa confirmada vanse crear uns 42 postos de traballos, nas outras dúas en marcha poderían xerarse en torno a outros 60. Como é habitual no consistorio caldelán, asinaranse acordos coas empresas para potenciar a contratación de persoas empadroadas no municipio a cambio de beneficios fiscais.
O alcalde subliña que as últimas novidades están xerando unha gran satisfacción, non só pola potencial xeración de postos de traballo, senón pola especialización nun sector que despexa o risco do asentamento de empresas contaminantes.
O goberno local tripartito defende o parque empresarial caldelán está caracterizado pola cercanía das vivendas, polo que non resulta apto para acoller "empresas sucias". Os tres grupos municipais xa teñen advertido repetidamente que, chegado o caso, non renunciarían a utilizar todos os mecanismos que outorga a lexislación urbanística vixente para impedir o asentamento dunha empresa contaminante. Unha circunstancia que xa fixeron saber a unha empresa de reciclaxe de residuos que hai poucos meses realizou consultas previas e abandonou o proxecto.