Unha acción informativa no 'Botellódromo' tratará de previr o consumo de substancias aditivas

Pontevedra
03 de febreiro 2022

Trátase dun programa autonómico de prevención do consumo de substancias aditivas en espazos de lecer nocturno e de botellón entre a poboación moza, impulsado pola Consellería de Sanidade en colaboración co Plan Municipal de Prevención de Condutas Aditivas do Concello e a empresa Marexada

Grupos de mozos no 'botellódromo' do Recinto Feiral de Pontevedra
Grupos de mozos no 'botellódromo' do Recinto Feiral de Pontevedra

Este sábado 5 de febreiro na contorna do Recinto Feiral e nas distintas zonas de marcha da cidade, entre as 22:00 e as 2:00 horas, desenvolverase unha nova intervención enmarcada dentro do proxecto #Aquexogas?.

Trátase dun programa autonómico de prevención do consumo de substancias aditivas en espazos de lecer nocturno e de botellón entre a poboación moza, impulsado pola Consellería de Sanidade en colaboración co Plan Municipal de Prevención de Condutas Aditivas do Concello e a empresa Marexada. 

É unha acción informativa de rúa de carácter itinerante na que se traballan diversas dinámicas educativas que teñen como finalidade evitar e reducir o inicio e a consolidación do consumo de substancias psicoactivas e o impacto das consecuencias e problemáticas que este consumo produce na poboación xuvenil.

Ao longo da intervención encheranse enquisas anónimas para acadar datos estatísticos sobre o consumo de substancias entre a mocidade pontevedresa, distribuirase información sobre diferentes drogas (procedencia, consecuencias, mitos...) e repartirase camisetas, pulseiras, e chapas cos logotipos do programa. 

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey subliña que "a educación e a concienciación xogan un papel esencial para frear a aparición de problemas de saúde pública vencellados ao lecer nocturno e ao fenómeno do botellón na nosa mocidade". 

Neste eido, o edil do PSOE lembra que, á marxe do programa #Aquexogas?, o Concello de Pontevedra leva xa máis de 20 anos traballando en centros escolares a través do Plan de Prevención de Condutas Aditivas, "con obradoiros de prevención do abuso de alcohol na mocidade".