#UnFuturoMejor, a campaña de Amencer-ASPACE con motivo do Día Mundial da Parálise Cerebral

Pontevedra
06 de outubro 2020

Persoas con parálise cerebral de Pontevedra e Vilagarcía realizan accións durante este 6 de outubro para facer visible este colectivo coa defensa dos seus dereitos, que se viron máis afectados con motivo da pandemia da covid-19

Integrantes de Amancer-ASPACE
Integrantes de Amancer-ASPACE / Amancer-ASPACE

Persoas con parálise cerebral que forman parte do colectivo Amencer-ASPACE levan a cabo diversas accións durante este martes 6 de outubro, Día Mundial da Parálise Cerebral, para facer visible a esta poboación e defender os dereitos, a calidade de vida e a participación social destas persoas, que viron rebaixados os seus dereitos con motivo da pandemia da covid-19.

Estas accións inclúense dentro da campaña #UnFuturoMejor na que se busca aliviar a presión socio-económica que sofren as familias con casos de integrantes con parálise cerebral. Tamén queren que se garanta a sustentabilidade daquelas entidades de atención directa a estas persoas, que ven afectadas polos maiores riscos durante a atención e vulnerabilidade.

Profesionais, nenos e mozos do colectivo gravaron un vídeo no Centro de atención integral Princesa Letizia de Vilagarcía de Arousa e ademais tanto no  concello arousán como no centro de Campolongo realizouse un debate para reflexionar sobre a campaña e analizar as solucións e accións que se deben desenvolver para dar visibilidade ás persoas afectadas.

Tamén, ao longo desta xornada, pediron a colaboración da cidadanía nas redes sociais para enviar mensaxes de apoio con fotografías nas que figure o cartel co hashtag #Unfuturomejor.