Un vídeo gravado por un veciño permitiu nos últimos días identificar unha empresa cántabra como presunta responsable de dúas verteduras de residuos no polígono da Reigosa. A firma ten agora aberto un expediente sancionador na Consellería de Medio Ambiente por mor dunha denuncia presentada polo Concello de Ponte Caldelas.
Segundo a información facilitada polo Concello de Ponte Caldelas, os días 26 e 30 de xullo esta firma desprazou un camión volquete articulado cargado de vidro, lixo e plásticos e baleirouno na parcela número 36 do polígono da Reigosa. Foi a plena luz do día, nunha ocasión de mañá e noutra de tarde.
Os acontecementos foron presenciados por varios veciños e un deles gravou un vídeo que entregou á Policía Local e no que se aprecia con total claridade a rotulación do camión, así como as placas de matrícula e ao operario condutor. O Concello tramitou unha denuncia na Consellería ao estar tipificada como unha infracción grave da Lei de Residuos de Galicia e ser o departamento autonómico o órgano competente para a incoación do expediente sancionador.
O alcalde anima aos veciños a seguir alerta para denunciar todo tipo de infraccións en contra dos intereses xerais e, moi especialmente, aqueles que atenten contra o patrimonio público ou o medio ambiente. De todos os xeitos, recoñece que en Ponte Calcelas non se teñen producido episodios significativos de verteduras, "máis alá dalgúns entullos que alguén sempre bota onde non debe".