A acción de protesta na que o pasado 11 de marzo un grupo de traballadores de Ence tomaron o Concello de Pontevedra en defensa dos postos de traballo da pasteira chegou este luns aos xulgados da Parda. En xuño foi o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o que declarou como testemuña en sede xudicial e agora tocoulle a un traballador que está investigado polos seus actos aquel día, en concreto, por un delito leve de violación da Casa do Concello.
Tras aqueles incidentes, o Concello remitiu ao xulgado e a Fiscalía o atestado da Policía Local sobre o ocorrido e abríronse unhas dilixencias nas que figuran como investigadas 13 persoas que participaron na protesta, todos eles vinculados ao sindicato CC. OO.. O primeiro, Ramiro Cerdeira Portela, tiña unha citación para este luns, aínda que finalmente non declarou.
Ramiro Cedeira si presentou ante a xuíza de Instrución número 1 de Pontevedra, pero non declarou por recomendación do seu avogado porque aínda non tiveron acceso á instrución completa da causa xudicial. Ata que teñan toda a documentación, non declarará.
Para apoiarlle nesta declaración, un grupo de ao redor de 30 traballadores de Ence concentráronse ás portas do edificio xudicial convocados polo sindicato CC. OO. cunha pancarta dirixida directamente ao alcalde: "Non á represión de Lores contra @os traballador@de Ence".
Os traballadores arrouparon a Ramiro Cedeira cun aplauso cando accedeu ao edificio. Xusto antes, en declaracións aos medios de comunicación, este traballador, que leva 30 anos na empresa, defendeuse asegurando que aquel día non cometeu ningún delito dese "suposto allanamiento do que nos acusan o alcalde e compañía".
"Non agredín a ninguén nin nada e non somos ningúns delincuentes, nin eu nin os meus compañeiros", asegurou Ramiro, que engadiu que aquel día estaban a defender os seus postos de traballo e accederon ao hall da Alcaldía da Casa do concello, pero "non lle fixemos dano a ninguén nin nos metemos con ninguén".
Ramiro avisa que van seguir defendendo os seus postos de traballo e atribúe este proceso xudicial a que "o señor alcalde tennos manía desde hai moito tempo e quérennos facer desaparecer de Pontevedra. É a única empresa que temos onde podemos ter traballo aquí en Pontevedra e quérenos mandar ao paro a todos".
O secretario comarcal de CC.OO., José Luis García Pedrosa, tamén estaba aquel día na protesta no Concello e figura entre as personsa identificadas por estes feitos, pero aínda non foi citado a declarar. Este luns acudiu igualmente ao xulgado para apoiar ao traballador citado e cualificou como un "auténtico sen sentido" a citación.
Así, asegurou que foi un peche "absolutamente pacífico" no Concello no que "non houbo ningún tipo de incidente" a maiores de que, cando Lores e outros concelleiros do Goberno local saíron do edificio, "se lle dixeron unhas palabras que forman parte de toda esta situación".
O Concello trasladou a denuncia ao xulgado e a Fiscalía, pero aínda non decidiu se comparece na causa. En todo caso, si trasladou o ocorrido e Pedrosa considera que con esta denuncia "por parte de Lores o que se pretende é presentar aos traballadores de Ence como persoas que son irracionais, como persoas complicadas que evidentemente non o son, están defendendo con dignidade o seu pan".
O representante sindical tamén engadiu que non resulta de recibo que o alcalde "estea constantemente provocando aos traballadores dicindo que son EnceBorroka e que actúan ás ordes da empresa e do PP" porque "iso é un insulto" para o persoal.
A presidenta do comité de empresa das oficinas de Ence en Pontevedra, Ana Cedeira, pola súa banda, lembrou que "ante todo somos trabajadores que estamos defendiendo nuestro futuro, nuestros puestos de trabajo y por hacer eso y ejercer nuestro derecho y libertad compañeros nuestros tienen que prestar declaración ante un juez". Na súa opinión, é "inadmisible e indignante".