Asegúrovos que alguén se acordará de nós no futuro.
Esa frase da poetisa grega Safo de Lesbos cobrou un especial sentido en Pontevedra. É a que preside, da man de Ernestina Otero -firme defensora dos dereitos da muller-, o mural "Mulleres de Pontevedra na historia" que, desde este xoves, recupera a memoria de vinte e tres mulleres con nome, historia e méritos propios.
"Non están todas as que son", destacou o responsable de memoria histórica no goberno municipal, Luís Bará, que no seu último acto como edil da corporación celebrou que Pontevedra incorpore ao seu "mapa simbólico" unha intervención artística que ofrece unha "ollada feminista" que permite "mirar a cidade con outros lentes".
Este mural, que engalana a fachada dun edificio da rúa Poza dos Canos, xunto ao parque Amalia Álvarez, non se limita a "tapar unha parede", lembrou Bará, senón que con el "poñemos voz onde había silencio e poñemos luz e cor onde había escuridade", saldando unha débeda histórica con estas mulleres silenciadas pola historia.
A figura central é Amalia Álvarez, viúva de Alexandre Bóveda, pero tamén teñen moito protagonismo mulleres do ámbito da educación como Ernestina Otero e María Victoria Moreno; Concepción Arenal, precursora do feminismo; Daría González ou Carmen del Valle, que rompeu as normas que o franquismo estableceu para as mulleres.
O mural, elaborado por Rei Zentolo e Polo Correo do Vento, tamén rende homenaxe a pioneiras como a aviadora Chichana Patiño, a taxista Dolores Trabado, a almirante Isabel Barreto, a 'menciñeira' Vasquida García, a empresaria Carmen Durán ou a fotógrafa Cándida Otero e a colectivos de mariscadoras, traballadoras das fábricas, lavandeiras ou agricultoras.
Ademais, ten un especial recordo ás mulleres vítimas da represión franquista como Custodia Gama, rapada e humillada polas rúas de Pontevedra; Cinta Rey, que aparece retratada abrazada ao piñeiro da Caeira onde foi fusilado o seu fillo; Consuelo Acuña, que foi fusilada por acoller a republicanos fuxidos; ou Josefina Arruti, que foi encarcerada.
Clara López, Dolores Calviño, Elvira Lodeiro, María Vinyals, María Luisa Olañeta, Mercedes Ruibal e Leonor González 'Nené', a única muller viva que aparece neste mural, completan a lista de vinte e tres mulleres que non se resignaron "a que a historia fora gris", segundo a edil de Igualdade, Carmen Fouces, e que deixaron unha "estela multicor" en Pontevedra.
Fouces tamén apelou ao exemplo de todas elas para deixar claro que, ante os "herdeiros" dos que "rapaban e violaban" e que queren regresar a eses "tempos escuros", agora as mulleres "estamos preparadas" e advertiu que "non nos van arrebatar todo o que conseguimos".
En nome das familias das homenaxeadas tomaron a palabra Amalia Bóveda, que destacou que a loita de todas estas mulleres "trascende ao presente"; Ángeles Ruibal, que pediu "ir preparando máis paredes porque hai máis mulleres esperando"; ou 'Nené' González, que se mostrou "superorgullosa" das súas orixes pontevedresas.
Este emotivo acto concluíu coa intervención do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que celebrou dar a estas mulleres "o espazo que lle corresponde" na historia da cidade, "rachando con esa Pontevedra monocor e masculina". Sen a pegada que deixaron todas elas, engadiu, "non teríamos percorrido nin á metade do camiño que nos levou ao que somos agora", concluíu.