Un informe encargado polos comuneiros conclúe que os terreos da Canicouva son "idóneos"

Pontevedra
05 de abril 2015

Segundo o informe asinado polo enxeñeiro José Antonio González Ferreira, ao que tivo acceso PontevedraViva, a planta constará dunha zona edificada ou urbanizada, coa nave de mesturas e compotúneis, a nave con tromel xiratorio, as fitas de selección manual de inertes, a zona de cribado final, unha nave de maduración e oficinas e demais servizos

Compost
Compost / Xunta

Un informe técnico encargado polos comuneiros da Canicouva conclúe que os terreos elixidos para a construción da planta de compostaxe son "idóneos" xa que se encontran "afastados de núcleos habitados" con "reducido impacto visual" ao que suma que a "dirección principal dos ventos dominantes é favorable".

Segundo o informe asinado polo enxeñeiro José Antonio González Ferreira, ao que tivo acceso PontevedraViva, a planta constará dunha zona edificada ou urbanizada, coa nave de mesturas e compotúneis, a nave con tromel xiratorio, as fitas de selección manual de inertes, a zona de cribado final, unha nave de maduración e oficinas e demais servizos.

En total estas instalacións ocuparían unha hectárea de terreo, quedando o resto para as chamadas zona de transferencia e de parque forestal (9 hectáreas).
Segundo este documento técnico, a superficie total é dunhas 10 hectáreas, "e inclue todos os sistemas e instalacións eléctricas e de augas (recollida de pluviais e lixiviacións, anti incendios, etc), obra civil, etc".

Entre outras razóns o informe basea esta idoneidade na "inexistencia de acuíferos subterráneos importantes" e en que a zona "de material impermeable (granito)" só se rexistran "regatos de augas de escorrentía en períodos de maior precipitación". Aínda así as zonas edificadas da planta de compostaxe estarían "impermeabilizadas ao ser construídas sobre unha soleira de formigón con recollida dos líquidos do proceso, para depósito e posterior reciclado" polo que conclúe que existe unha "nula afección sobre ás augas superficiais".

"Como toda instalación industrial, tamén esta terá certo impacto sobre o entorno, se ben ás plantas actuais dispoñen de medios técnicos para minimizalos", recolle o informe.

Así se contempla un "circuíto de sólidos". O posible material que non se poda aproveitar durante o cribado final, ou que non é rendible facelo "trasládase directamente ás instalacións de transferencia para o seu transporte a SOGAMA".

Ademais proxéctanse que os chamados "compotúneis" vaian provistos dun sistema de recollida de lixiviados, "que son dirixidos a un depósito, e dende o que son recirculados a estes como rego. Ás eras de maduración e trituración /abasto de triturado dispoñen a súa vez de recollida de todas ás augas, tando de percolación, como de infiltración e escorrentía, e ademais toda a planta disporá dun sistema de recollida de pluviais".

Todas estas augas son bombeadas ao depósito de túneis e deste sérvense para a mesturadora, era de maduración, etc. "Polo tanto, o circuíto de líquidos é tamén completamente pechado, non producíndose ningúnha saída de subproduto e conseguíndose ademáis un importante aforro de auga".

En canto aos gases, o estudo recoñece que "este pode constituír o problema ambiental máis importante das plantas de compostaxe a causa dos posibles malos cheiros", pero engade que "neste caso o problema se torna inexistente grazas a unha combinación do sistema pechado dos compotúneis e unha completa recirculación de todos os gases producidos ata, e dende, as eras de maduración aos propios compostúneis".

Nas partes iniciais das chamadas "eras de maduración", aquelas onde chega o material fresco procedente dos compotúneles, "posúen un chan perforado conectado por uns tubos coas súas turbinas de ventilación, os gases son absorbidos dende o subsolo do material fresco das eras e soprado a través da masa nos compotúneis. Deste modo, conséguese o dobre efecto de airear axeitadamente e impedir a saída de posibles gases olorosos dende o material fresco das eras, e ademáis, ventílase o material dos compotúneis".

"Por último, os gases de saída dos compotúneis son dirixidos cara ás partes finais das eiras de maduración, tamén con chan perforado, por onde sopran baixo o material xa maduro desta parte das eiras, que actúa de biofiltro antes da expulsión final destes a atmosfera".

Finalmente o enxeñeiro que asina este informe sinala que a planta de compostaxe precisa do informe de avaliación do impacto ambiental por parte da Xunta e valora os terreos en 746.000 euros, polo que recomenda o pagamento dun aluguer de 37.300 euros anuais.

Arquivado en