Un exército de 200 voluntarios para reducir os efectos dos incendios en Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
29 de outubro 2017

Distintos puntos do municipio seleccionados por técnicos especializados acolleron a denominada 'operación mulching', na que os voluntarios espallaron no terreo materia vexetal para fixar o chan e paliar o arrastre das cinzas, centrándose nas zonas máis próximas aos acuíferos   

Xornada do sábado na operación 'mulching' tras os incendios de Ponte Caldelas
Xornada do sábado na operación 'mulching' tras os incendios de Ponte Caldelas

Un total de 200 persoas chegadas desde todos os puntos de Ponte Caldelas e desde distintas partes de Galicia, conformaron este sábado un auténtico exército de voluntaros para loitar contra os efectos dos incendios forestais que no domingo negro do 15 de outubro arrasaron 2.900 hectáreas de superficie no municipio. 

Distintos puntos do municipio seleccionados por técnicos especializados acolleron a denominada 'operación mulching', na que os voluntarios espallaron no terreo materia vexetal para fixar o chan e paliar o arrastre das cinzas, centrándose nas zonas máis próximas aos acuíferos, os que están ante unha situación de perigo máis inminente no caso de que cheguen choivas fortes que arrastren os restos dos lumes. 

Os voluntarios espallaron 30 toneladas de palla adquiridas de emerxencia polo Concello de Pontevedra e unhas cinco toneladas de estruturante (materia vexetal  triturada) cedidas polo Concello de Pontevedra. En total, quedaron cubertas de palla unhas 15 hectáreas de terreos queimados

O obxectivo final é tratar o 10% do monte arrasado polo lume, isto é, unhas 290 hectáreas, pero este sábado xa se deu un paso importante ao actuarse sobre as zonas máis sensibles detectadas polos técnicos, as que, en caso de choivas, verterían as cinzas nos acuíferos de uso doméstico. 

A xornada, marcada polo bo tempo e as altas temperaturas, deixou tamén grandes xestos de solidariedade como o realizado por un veciño da parroquia pontevedresa de Marcón que levou aos voluntarios 200 bocadillos, bebidas frías e froita para levar mellor o día de duro traballo. 

A solidariedade tamén se impuxo no mercadiño solidario organizado pola asociación de veciños de Pazos de Borbén para recadar fondos para as persoas afectadas polos incendios. 

Arquivado en