Como cada 17 de agosto o monólito que lembra a figura de Alexandre Bóveda na Caeira foi escenario do acto central do Día da Galiza Mártir, coincidindo co aniversario do asasinato do intelectual e político galeguista.
Foi un Día da Galiza Mártir de "consenso", destacaron, e é que na Caeira estaban representadas todas as administracións, desde os concellos de Poio e Pontevedra cos seus alcaldes (Ángel Moldes e Miguel Anxo Fernández Lores), pasando pola Xunta de Galicia co conselleiro de Cultura (José López) ou a Deputación de Pontevedra co seu vicepresidente (Rafa Domínguez), ademais de representantes de partidos políticos a nivel autonómico (Ana Pontón, BNG) e local, ou colectivos pola recuperación da memoria histórica como as fundacións Castelao ou Alexandre Bóveda.
Presisamente a presidenta desta última fundación e filla do galeguista fusilado en 1936 no monte da Caeira, Amalia Bóveda, defendeu na súa intervención que "sempre en días como hoxe compre agradecer e reclamar, lembrar e reivindicar. Agradecer a iniciativa e o consenso acadado máis sobre todo reclamar o que aínda temos que conseguir", sinalou apuntando aos retos aínda pendentes.
"Esta angueira da memoria aínda sen rematar precisa facerse encarando non só o futuro senón sabendo que no porvir xogámonos o pasado", sinalou.
E é que, tal e como afirmou pola súa banda José López, conselleiro de Cultura, "88 anos despois a figura de Alexandre Bóveda segue a ser un referente para todos independetemente da forma que teñamos de pensar e de querer Galicia".
O acto, conducido pola concelleira Natalia Sabarís e no que interviñeron Miguel Anxo Seixas (Fundación Castelao) e Manuel Pazos (Premio Galiza Mártir), pechouno o alcalde de Poio reivindicando que "estamos aquí persoas que pensamos totalmente distinto, que os nosos proxectos políticos son totalmente distintos, pero sen embargo temos a capacidade de respectarnos, de escoitarnos e de dialogar e creo que é a mellor homenaxe que lle podemos facer a Alexandre Bóveda".