Un cento de persoas secunda a primeira protesta de 'Crematorios Urbanos NON'

Pontevedra
28 de novembro 2013

A concentración é só a primeira dunha lista de accións de protesta coa que pretenden dar a batalla e manifestar a Louro que "non estamos dispostos a aceptar" o citado proxecto. Entre as xa planificadas está unha concentración semanal, cada xoves, na rúa Xoán Carlos I

Un centenar de persoas secundou este xoves o primeiro acto público de protesta da plataforma Crematorios Urbanos NON constituída para mostrar o rexeitamento vecinal ao proxecto dun forno crematorio no barrio da Parda. Durante media hora, os asistentes gritaron consignas contrarias ao concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, e a que se materialice unha instalación de estas características na zona este da cidade.

A concentración convocouse trala tensa reunión mantida este martes entre representantes da plataforma e Louro e unha das súas portavoces, Bea Rey, asegurou que é só a primeira dunha lista de accións de protesta coa que pretenden dar a batalla e manifestar a Louro que "non estamos dispostos a aceptar" o citado proxecto. Entre as xa planificadas está unha concentración semanal, cada xoves, na rúa Xoán Carlos I.

Bea Rey sinalou que saíndo á rúa nesta primeira ocasión demostraron que "aquí arriba, en contra do que di Louro, vive xente, somos 15.000 persoas e non queremos o crematorio". Ademais, asegurou que este tipo de instalacións "é mala, é nociva do grupo B" e preténdese construír unha a poucos metros do único centro de saúde da cidade con servizo de urxencias, de dúas gardarías e do Conservatorio de Música Manuel Quiroga.

Os veciños da Parda e San Amaro mostraron a súa oposición á modificación puntual do PXOU que impulsa o goberno municipal para regular este tipo de equipamentos e sinalaron que non admitirán ningún tipo de proxecto que se achegue a máis de 500 metros das vivendas.

Segundo aseguraron, coa súa oposición ao proxecto de crematorio xa solicitaron o apoio de numerosos colectivos sociais, veciñais e políticos de Pontevedra e Vilaboa, como os afectados pola subestación do AVE de Bértola, a agrupación Anova e entidades veciñais de Salcedo, Estrigueiras, Arcebispo Malvar, Figueirido, Tomeza-Marcón e Mourente, así como a Federación Teucro.