Ultimada a modificación puntual do PXOM que ordenará as licenzas para crematorios

Pontevedra
14 de outubro 2013

En solo rústico (previa aprobación dun plan especial), en cemiterios ou en solo industrial reservado para industrias contaminantes. Son os tres tipos de solo nos que, no prazo máximo dun ano, poderán instalarse fornos crematorios no Concello de Pontevedra. Así o determina a modificación puntual do PXOM que se aprobará no próximo pleno municipal, previsto para o próximo 28 de outubro

Antón Louro e Xosé Manuel Tato, director xeral de Urbanismo
Antón Louro e Xosé Manuel Tato, director xeral de Urbanismo / PontevedraViva

En solo rústico (previa aprobación dun plan especial), en cemiterios ou en solo industrial reservado para industrias contaminantes. Son os tres tipos de solo nos que, no prazo máximo dun ano, poderán instalarse fornos crematorios no Concello de Pontevedra. Así o determina a modificación puntual do PXOM que se aprobará no próximo pleno municipal, previsto para o próximo 28 de outubro.

O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, informou este luns dos detalles desta modificación puntual, co que se dá cumprimento ao acordo plenario tomado por unanimidade o pasado mes de novembro. Ademais da suspensión cautelar de licenzas, o pleno ordenou redactar esta nova normativa para resolver dunha vez por todas a situación de "alarma social" creada coa presentación de ata cinco proxectos de crematorios na cidade.

Ademais das tres limitacións de solo, esta normativa recolle unha "cautela adicional" para reducir as afeccións sobre a poboación. Non se poderán instalar fornos crematorios nunha parcela situada a menos de 50 metros de núcleos residenciais ou de calquera vivenda existente. Trátase dunha distancia, recordou Louro, acorde coa normativa existente nesta materia a nivel autonómico.

"Imos dando pasos conforme ao prazo previsto e con plena seguridade xurídica", sinalou o concelleiro socialista, quen destacou que esta modificación puntual do PXOM conta con informes favorables non só dos técnicos municipais, senón tamén do secretario do Pleno, da asesoría xurídica, do director xeral de Urbanismo ou de Intervención municipal. Respéctase así, dixo, o interese xeral dos veciños afectados e das empresas interesadas.

CALENDARIO DE APROBACION

Tras analizarse no seo da Comisión de Urbanismo este xoves, esta modificación puntual do PXOM aprobarase inicialmente no pleno do luns 28 de outubro. A partir de aí, ao estar eximido da avaliación ambiental, expoñerase ao público durante dous meses. Tras resolverse as alegacións que se presenten, remitirase á Xunta de Galicia quen, no prazo máximo de tres meses, deberá aprobalo de forma definitiva.

Por iso é polo que o Concello de Pontevedra calcula que "entre seis meses e un ano", esta normativa poida entrar en vigor. En todo caso, se algún dos proxectos presentados polas empresas cumpren xa os requisitos da normativa anterior e da que se aprobará con esta modificación do PXOM, a licenza podería concederse antes de cumprirse o prazo administrativo.