Un grupo de traballadores de Elnosa, liderado polo secretario de organización comarcal de Comisións Obreiras José Luis García Pedrosa, concentrábase este venres ante o Concello de Pontevedra portando maletas. Trátase da última protesta do persoal da electroquímica, segundo afirmaba o ex presidente do comité de empresa, Avelino González.
"Xa me apuntei á lista do paro", indicaba o voceiro dos traballadores. El é un dos integrantes do persoal que se trasladará a Torrelavega para formar parte do equipo que poña en marcha a nova fábrica que a empresa multinacional Boldanti, propietaria de Elnosa, está a montar no municipio cántabro. Está previsto que nunha primeira fase asistan técnicos, responsables de seguridade e xefes de mantemento para facer seguimento do proceso de creación da factoría, o resto vai incorporarse entre abril e maio para iniciar un período de preparación de cara a iniciar a produción de cloro. "Espérannos cos brazos abertos", afirma González sobre Torrelavega.
En total, a empresa chegou a un acordo con 17 traballadores que se trasladarán de Potnevedra a Torrelavega, tres deles xa tiñan marchado do cadro de persoal no ERE de xullo. Algún, malia todo, por cuestións persoais non aceptou a oferta da empresa para marchar. "É unha decisión complexa. Eu vou só", afirma Avelino González que deixa en Pontevedra a súa familia, "é a 500 quilómetros da túa casa. É volver a empezar e nunha idade difícil". A maioría dos traballadores que se marcharán teñen idades comprendidas entre os 35 e os 45 anos.
Pola súa parte, Ence incorporou a sete ex traballadores de Elnosa. En xaneiro, o comité de empresa agarda que se renoven os contactos porque a empresa pasteira vontade de sumar a estes operarios ao seu cadro do persoal sempre que cumpran co perfil dos postos vacantes. Ademais, Elnosa manterá a outros sete traballadores para actividade comercial mentres mantén o desmantelamento das instalacións, un operativo que durará dous anos.
A protesta deste venres ante o Concello adoptouse, segundo Avelino González, como unha despedida ao alcalde Fernández Lores, ao que consideran o "gran culpable" do peche da empresa. Sinalan que se o goberno local tivera dado máis opcións a Boldanti "ao mellor apostaba por quedar aquí", indica o representante do persoal, "isto era un maná para eles". O ex presidente do comité recoñece que, en todo caso, tanto a empresa como a Xunta como o Goberno central súmanse á culpabilidade desta marcha. "Os únicos que non somos culpables somos os traballadores", afirma sinalando que "equivocándonos a veces" loitaron para evitar o peche durante anos "pero como vedes non se conseguiu".