O Concello de Sanxenxo modificará o prego do contrato do lixo e volverá sacar a licitación este servizo despois de que prosperasen ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública (TACGal) dous recursos.
O primeiro deles presentouno Arroupa, a empresa de Cáritas dedicada á inserción laboral en materia de reutilización téxtil.
O segundo recurso presentouno a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (Cegasal).
Ese mesmo tribunal desestimou outro recurso presentado por Comisións Obreiras referente aos traballadores.
Desde o Concello anuncian que o goberno local xa traballa no novo prego no que quedarán fóra a recollida de roupa e voluminosos.
Estes dous servizos excluídos licitaranse de forma independente adxudicando o contrato de maneira preferente a empresas de inserción ou centros especiais de emprego de iniciativa social como figura na disposición 19 da Lei 7/2022 de residuos.
Tras os cambios requiridos, o Concello prevé sacar de novo a licitación o servizo de lixo e limpeza viaria antes de que finalice 2024 por un período de 10 anos e suporá unha transformación integral do servizo.
Entre as novidades, inclúense as rozas nos camiños do rural e a limpeza de praias.