As unións temporais de empresas (UTE) Elsan-Ibisa, Ascan-GEaser-CivisGlobal e FCC-Celta Prix optan á xestión do servizo provincial de recollida e tratamento de lixo. A Deputación de Pontevedra agarda que estea plenamente operativo a comezos de 2015 para dar servizo a un total de 21 concellos da provincia.
Segundo se recolle nos pregos técnicos e no anteproxecto de explotación, o investimento estimado ao inicio da contrata ascende a uns catro millóns de euros, dado que a empresa precisará renovar moitos vehículos, maquinaria e contedores. Ao longo da concesión do servizo, que se fará por un prazo de 25 anos, o investimento superará os 16 millóns de euros.
O obxectivo da Deputación coa posta en marcha deste servizo é contribuír a resolver un dos problemas que na actualidade teñen moitos concellos da provincia, con serios problemas para o mantemento dun servizo que lles resulta moi custoso e deficitario.
Neste sentido, o servizo provincial pretende non só reducir custes por medio da optimización de recursos e rutas, senón tamén impulsar a reciclaxe e a redución de residuos con campañas de sensibilización e unha forte aposta pola compostaxe, tanto co reparto de 1.300 composteiros domésticos entre os veciños dos concellos adheridos ao servizo, como coa creación dunha planta de compost en colaboración co Concello de Pontevedra.