"Vemos a vontade clara do Goberno e a vontade do Goberno é o peche". Con esta frase resumía este venres a súa frustración Ana Cedeira, a presidenta do comité de empresa de oficinas de Ence, tras tentar forzar unha reunión co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, aproveitando a súa presenza na Toxa con motivo da súa participación no ‘Foro La Toja’.
Ao redor de 200 traballadores dos dous comités de Ence en Pontevedra, do sector forestal e das empresas auxiliares manifestáronse no Grove. A súa intención era acudir ata o centro de convencións no que se celebra o Foro, pero os controis de seguridade realizados pola Garda Civil tan só lles deixaron achegarse ata a ponte de entrada á Toxa. Alí, lograron contactar co departamento de Protocolo da Presidencia do Goberno e entregarlle unha copia do manifesto que os traballadores da sección sindical de CC.OO. van entregar no Tribunal Supremo con motivo do proceso xudicial que segue sobre a prórroga para a permanencia da fábrica en Lourizán.
Segundo explicou Ana Cedeira (CC.OO.), logrou o compromiso de que ese documento chegará ao secretario persoal de Pedro Sánchez para poñerlle ao tanto da súa situación actual tras a sentenza da Audiencia Nacional que anulou a prórroga concedida polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy para a permanencia en Lourizán. Tamén pediron poder ter un encontro con el "polo menos de cinco minutos", pero non o lograron.
Tras ese intento, "a sensación é de auténtica frustración", explicaban, pois "vemos que o presidente do Goberno ten unha intención clara e é que se acate a sentenza e iso o que vai supoñer é o peche". Así as cousas, fían todas as súas esperanzas ao resultado da decisión xudicial, pois "a vontade política do Goberno e a vontade de diálogo é nula".
O presidente do comité de fábrica, Toño Lafuente (CIG), sinala que a súa intención coa protesta deste venres era "visibilizar" o conflito actual que existe sobre o futuro da fábrica e a delicada situación na que se atopan os traballadores.
Ante este momento crucial, e á espera da resolución do Tribunal Supremo, Lafuente lembra que están "abertos a calquera solución que garanta os postos de traballo", unha mensaxe na que levan insistindo meses. Nestes momentos, fían a solución á mesa de diálogo aberta e sinala a súa intención de contactar coa Subdelegación do Goberno en Pontevedra para que se reactive. O pasado 10 de setembro, na última reunión, o compromiso foi volver citalos en 15 días e, ao 1 de outubro, seguen sen noticias do Ministerio para a Transición Ecolóxica, por iso urxen avances.
"Os tempos apremian", lembra o presidente do comité de fábrica, que, ademais, sinala que a empresa pasteira portuguesa Altri acaba de anunciar a creación dunha fábrica de fibras téxtiles a partir de madeira en Galicia dentro da aposta da Xunta de Galicia para os fondos europeos de recuperación Next Generation. Este proxecto aumenta todos os temores dos traballadores
Para buscar una solución, "ten que vir alguén cunha proposta seria enriba da mesa". Lafuent lembra por exemplo, que, agardando equivocarse, a proposta de adherir Ence ao Porto de Marín podería ter pouco percorrido porque xa hai informes contrarios do ano 2005.
Nestes momentos do proceso, no que o Tribunal Supremo debe decidir se admite a trámite o recurso contra a sentenza da Audiencia Nacional, Ana Cedeira que para o Goberno "a única vontade que hai é a do tratado e o traslado non é posible e a empresa vai pechar". Desta forma, a responsabilidade do peche sitúana no tellado do Executivo central.
"O Goberno central é quen ten a responsabilidade de buscar unha solución xurídico administrativa", lembra Cedeira.