Traballadores de Elnosa rexeitarán no Parlamento Galego o "fanatismo" de BNG e Marea

Pontevedra
11 de setembro 2017

O comité de empresa da fábrica de Lourizán manifesta que están cansos da "merda que se está botando cara Elnosa". Sinalan que a empresa mantense á espera do que decidan Costas e a Xunta de Galicia 

José Luis García Pedrosa, de CC.OO., e representantes do comité de empresa de Elnosa
José Luis García Pedrosa, de CC.OO., e representantes do comité de empresa de Elnosa / PontevedraViva

Están cansados da "merda que se está botando cara Elnosa", así se manifesta o presidente do comité de empresa da fábrica de cloro de Lourizán, Avelino García. Desta forma quería contestar as acusacións realizadas desde o Concello de Pontevedra ao indicar que o novo sistema previsto para a fábrica ía contaminar máis a ría de Pontevedra.

Avelino García indica que esa afirmación é unha falacia por parte do goberno local e alega que haberá máis vertidos pero non máis contaminación co cambio que proxecta a dirección da cloreira.

José Luis García Pedrosa, secretario de organización de Comisións Obreiras, lamentaba o "fanatismo" tanto do BNG como de En Marea en relación coa actividade industrial na ría de Pontevedra.

Por este motivo, ante o anuncio do deputado nacionalista Luís Bará de presentar este mércores 13 unha pregunta parlamentaria sobre a continuidade de Elnosa en Lourizán, os traballadores concentraranse ás portas do Parlamento de Galicia. "Hai que ser serios e non tan golfos", indicou García Pedrosa que insistía en que desde CC.OO. "non imos permitir que Elnosa peche".

O comité de empresa xa solicitou unha entrevista coa dirección para coñecer cales son os plans tendo en conta que o 11 de decembro teñen que deixar de producir cloro con mercurio e deberán cinguirse á elaboración de hipoclorito, un composto que se emprega para a limpeza de piscinas. A empresa, segundo asegura Avelino García, atópase á espera do que suceda coa revisión da Autorización Ambiental Integrada, sobre a que debe pronunciarse antes do 11 de decembro.

Tamén continúan a agardar a decisión do Ministerio de Medio Ambiente sobre a prórroga de Costas que posibilite que Elnosa mantéñase en Lourizán.

Os representantes sindicais afirman que a Unión Europea ofreceu unha moratoria a unha empresa sueca Inovyn para que continúe traballando con mercurio ata maio de 2018. Unha prórroga que o comité de empresa de Elnosa demandaba tamén para a cloreira situada en Pontevedra.

Arquivado en