Traballadores de Elnosa concentráronse ás portas do Concello de Pontevedra na mañá deste luns 17 para denunciar o que consideran unha persecución por parte do goberno local. Sinalan que colocaran catro pancartas que foran pagadas polos propios empregados da electroquímica. Unha delas tiveron que retirala, segundo manifestou Avelino García, presidente do comité de empresa, porque un camión enganchou con ela pero as outras tres apenas estiveron expostas dous días porque "alguén as roubou".
Indican que, pola contra, as pancartas da Asociación pola Defensa da Ría da marcha contra Ence e Elnosa mantivéronse durante máis dun mes instaladas en varias rúas. "Doe que nos saquen as pancartas pagadas por todos os traballadores", afirmou o representante sindical.
Avelino García mostrou a súa preocupación porque non hai novidades en relación ao futuro da empresa en Lourizán, a falta de cinco meses para que se vexan obrigados a abandonar esta localización se non se produce algún cambio por parte das administracións. Sinala que a empresa entregou toda a documentación e é a Xunta de Galicia quen está revisando o plan sectorial do mesmo xeito que se manteñen á espera de que salga a exposición pública a declaración ambiental integrada.
Por outra banda, afirman que o goberno central tampouco lles ofreceu información sobre unha posible prórroga na ría pontevedresa. Os representantes sindicais esperan que en setembro manteñan unha reunión coa Dirección Xeral de Costas.
Ante esta situación ven complicado que leve a cabo a adaptación do mercurio para a factoría e agardan que, mentres obteñan as autorizacións, poidan producir só hipoclorito e manter a actividade.
RESPOSTA DO ALCALDE DE PONTEVEDRA
O alcalde de Pontevedra, pola súa banda, respondeu sobre a polémica das pancartas: "Nin as puxen nin as retirei. É a primeira noticia que teño".
En relación ao futuro de Elnosa apuntou que non quere seguir alimentando a polémica e engadiu que hai que esixirlle á empresa que cumpra cos compromisos que adquirira coa Xunta de Galicia para apostar por un novo proxecto industrial que cumpra con todas as garantías da lei. "É de perogrullo", concluíu.