Un grupo de entre 30 e 40 traballadores de Elnosa empezaron este martes unha marcha reivindicativa cara Santiago de Compostela que prevén terminar este mércores ante a sede nacional do BNG na capital galega ao considerar que esta agrupación política está a atacalos con iniciativas como a proposición non de lei que presentaron a semana pasada no Parlamento de Galicia para defender o peche da fábrica de Lourizán.
O presidente do comité de empresa, Avelino García, explicou que decidiron terminar na sede do BNG "para demostrar que a nos ninguén nos vai intimidar nese sentido" e anunciou que van seguir realizando novas mobilizacións nos próximos días para defender os seus postos de traballo. A súa intención é "intentar contestar a todas as mobilizacións que se fagan contra nosa por parte do BNG".
Antes de iniciar esta peregrinaxe reivindicativa, García prometeu que van seguir "na pelexa", de modo que "que non nos dea ninguén por mortos". De feito, está convencido de que "Elnosa ten futuro máis alá de decembro de 2017", data na que termina a moratoria que ten a empresa para adaptarse ás normativas europeas.
A mobilización segue o lema 'Fronte ao acoso do BNG, ningunha agresión sen resposta' e reuniu ás 8.30 horas a un grupo de entre 30 e 40 traballadores ante o Concello de Pontevedra. De aí puxeron rumbo a Santiago, pero á altura da parroquia de Lérez a metade tiveron que irse a traballar, de modo que tan só seguiron ata Padrón entre 15 e 20. Este martes pernoitarán alí e este mércores prevén chegar a Santiago, xa con todo o persoal mobilizado.
RESPOSTA DE LORES
Preguntado sobre esta mobilización, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asegurou que o BNG "non firmou ningún documento" coa empresa Elnosa para que esta abandonase Lourizán en 2017, polo que instou aos traballadores para pedir explicacións á propia compañía "que se comprometeu a buscar unha alternativa" e á Xunta de Galicia, administración coa que acordou o seu traslado.
Fernández Lores engadiu que os donos de Elnosa "merecen o mesmo respecto" que calquera outro empresario da cidade, pero lembrou que o urbanismo é unha cuestión "regrada" e a todos os que piden licenza débese aplicar "a mesma vara de medir".