Toneladas de máscaras, aparellos de pesca, pneumáticos e plásticos retirados da costa grazas ao proxecto Plancton

Pontevedra
25 de xaneiro 2023

A campaña do ano 2022 serviu para retirar 6,5 toneladas de residuos mariños e actuar en sete praias e cinco fondos mariños da contorna da ría de Arousa e o parque nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas

Presentación dos resultados do proxecto Plancton do ano 2022 na sede de Afundación en Pontevedra
Presentación dos resultados do proxecto Plancton do ano 2022 na sede de Afundación en Pontevedra / Mónica Patxot

O proxecto Plancton, impulsado desde 2021 por Afundación, a Obra Social de Abanca, en colaboración co sector pesqueiro e marisqueiro, permitiu a retirada de máis de 25 toneladas de refugallos de areais e fondos mariños de distintas zonas costeiras de Galicia.

Os resultados deste programa multidisciplinar, que en 2022 celebra a súa segunda edición, déronse a coñecer este mércores nunha rolda de prensa na que participaron a presidenta da Asociación de Mariscadoras da Illa de Arousa, Inmaculada Rodríguez; a coordinadora de Sostibilidade en Abanca, María García Cabeza;o director xerente de Afundación, Pedro Otero; a directora técnica do proxecto Plancton, Saleta González; e o patrón maior da confraría de pescadores da Illa de Arousa, Juan Jose Rial Millán; así como otros representantes del sector. 

Esta iniciativa, destinada a fomentar a conservación e sostibilidade das actividades socioeconómicas realizadas no mar, especialmente nas Zonas de especial Protección para as Aves de ámbito mariño de Galicia, dentro da Rede Natura 2000, foi posible un ano máis grazas á colaboración de preto de 700 persoas voluntarias que participaron directamente nas diferentes xornadas de limpeza en fondos mariños e praias que serviron para retirar unhas 6,5 toneladas de lixo no 2022. Unha cantidade que supera as 25 toneladas se se teñen en conta os datos desde o ano anterior. 

A iniciativa foi recoñecida, así mesmo, pola Xunta de Galicia co Premio Especial Economía Azul pola súa "importante relevancia para o conxunto do sector, especialmente na protección do medio ambiente". Os principais puntos de actuación das 12 limpezas realizadas en 2022, sete en areais e cinco en fondos mariños foron: o Illote de Areoso, na ría de Arousa; Viveiro, O Grove, Cambados, Barrañán e o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia; tanto na Illa de Sálvora, como as Cíes ou Cortegada.

Ademais, por primeira vez, o programa estendeuse fóra de Galicia, realizando unha actividade de limpeza de microplásticos na praia de Zarautz, en Guipúscoa.

Ademais da retirada de refugallos, a través do proxecto Plancton desenvolvéronse campañas específicas co obxectivo de concienciar sobre a importancia de compatibilizar as actividades relacionadas co turismo, coa conservación da contorna. Foi así como animaron aos visitantes a non deixar a súa pegada na praia, a non tirar cabichas na area ou a contribuir de xeito solidario a retirar os refugallos que atopen. 

Os principais residuos retirados das praias son cabichas, restos de bolsas, bastoncillos dos oídos, paus de chupa-chups, trozos de plásticose, sobre todo, moitas mascarillas. Tamén son numerosos o restos de aparellos retirados das praias e, sobre todo, nos fondos mariños.

"Os aparellos, senón se retiran, seguen pescando. É o que chamamos pesca pantasma. Por iso é fundamental retiralos", declarou o patróm maior da Illa, deixando claro que os principais interesados en retirar estes residuos do fondo do mar son os pescadores, que adoitan perder estas redes en temporais.

Pero no leito mariño non só hai redes. Nesta campaña de limpeza os voluntarios retiraron toneladas de pneumáticos, boias e espuma.